A UDC e o MUNCYT celebran o 11F cun encontro con enxeñeiras informáticas

luns, 5 de febreiro do 2024 S. P.

O vindeiro xoves 11 de febreiro será o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, tal data foi proclamada pola ONU para acadar o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, amais da igualdade de xénero e o empoderamento feminino. Neste contexto e con este mesmo obxectivo prende a sesión divulgativa: Directo 11F. Conecta con Enxeñeiras Informáticas. Intelixencia Artificial, organizada pola Facultade de Informática da UDC (FIC) e o MUNCYT (Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía) da Coruña.
O dito encontro, que terá lugar este xoves (8 de febreiro), terá lugar no salón de actos do museo coruñés, reunirá a catro profesoras e investigadoras da FIC falando sobre a súa investigación no eido da Intelixencia Artificial (IA) ao alumnado de colexios e institutos que se inscriban previamente nas charlas. Serán estudantes de Educación Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional que poderán asistir presencialmente no museo ou por videoconferencia desde as súas aulas. Todos eles poderán anotarse no enderezo de correo electrónico reservascor@muncyt.es ou por teléfono chamando ao número 689 578 727.
As charlas terán lugar entre as 10:20 e as 13:30 horas e serán impartidas por Bertha Guijarro Berdiñas, Susana Ladra González, Verónica Bolón Canedo e Adriana Dapena Janeiro, catro recoñecidas enxeñeiras informáticas expertas en IA, representativas da importancia actual das mulleres neste ámbito.
Cada unha das catro docentes da UDC realizarán unha presentación de 30 minutos de duración e contestará as preguntas que os asistentes ao evento lles trasladen; que deberán ser enviadas con antelación á charla ao correo electrónico no que realicen a reserva para asistir ao acto.
A primeira das charlas terá lugar ás 10:30h: Comprender a IA, a relatora será Bertha Guijarro
Berdiñas, quen falará sobre como e cando nace a IA, como se adestra, en que se asemella á Intelixencia Natural, entre outras cousas. Bertha Guijarro é doutora en Informática, profesora Titular da UDC e investigadora nos campos da IA, a aprendizaxe computacional e os sistemas baseados no coñecemento.
A segunda intervención correrá a cargo de Susana Ladra ás 11:15h e terá ao ChatGPT como protagonista. Que é e por que ten marabillado ao mundo, que pode e que non pode facer esta ferramenta, así como se pode razoar e entender o que lle dicimos, son algunhas das preguntas ás que tentará dar resposta a enxeñeira e doutora en Informática, graduada en Matemáticas, e profesora Titular da Facultade de Informática da UDC e investigadora no CITIC.
A terceira charla terá lugar ás 12horas e será impartida por Verónica Bolón Canedo sobre Intelixencia Artificial Verde, tentando responder á pregunta de se é axeitado que un algoritmo de IA sexa responsábel dun consumo de enerxía estimado equivalente ao dun fogar español durante 23 anos. Bolón é enxeñeira en Informática e doutora pola UDC, onde exerce como profesora Titular e investigadora en IA. É a académica da Academia Joven de España e da Real Academia de Ciencias.
Ás 12:45 h, terá lugar a cuarta e última das charlas, na que Adriana Dapena falará sobre: IA para interfaces persoa-máquina, para saber se a Intelixencia Artificial pode cambiar o xeito en que as persoas interactúan coas máquinas. Adriana Dapena é enxeñeira en Informática e doutora pola Universidade da Coruña, onde desenvolve o seu traballo como catedrática e investigadora na área de Teoría do Sinal e Comunicacións.