A USC colaborará co Concello de Santiago na súa iniciativa smart

martes, 17 de xullo do 2018 Redacción

A Universidade de Santiago vén de anunciar que colaborará co Concello compostelán no desenvolvemento dos obxectivos da iniciativa Smartiago, dirixida á resolución de retos de sustentabilidade e mellora da eficiencia en prestación de servizos públicos a través da compra pública innovadora. Para normalizar esta colaboración, o reitor da USC, Antonio López, e o alcalde Martiño Noriega, asinaron un acordo marco que permitirá, nas súas palabras, “achegar maior valor e sinerxías no desenvolvemento de actividades de I+D+i para retos relacionados co municipio”.
En concreto, procurarase desenvolver solucións innovadoras nas tres liñas estratéxicas do programa: xestión sustentábel e intelixente dos residuos sólidos urbanos, mobilidade intelixente sustentábel e alumeado ornamental smart para a conservación do patrimonio. Para todas elas, a Universidade de Santiago puxo a disposición do Concello o seu amplo potencial investigador.
Na xuntanza recordouse que de acharse as devanditas solucións innovadoras, implantaríanse nos servizos municipais, nunha segunda fase do Smartiago que se desenvolvería integramente con fondos propios.
A primeira fase do proxecto conta cun orzamento de case 6,2 millóns de euros, dos que 5 millóns proceden de fondos europeos, e unha duración estimada de catro anos.

PUBLICIDADE