A UVigo achega un cinefórum para combater as desigualdades STEAM

xoves, 8 de abril do 2021 S. P.

A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da UVigo quere impulsar e dar visibilidade á muller nos ámbitos STEAM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas). Por esta razón, botou man da fórmula do cinefórum para espertar, en palabras de Teresa Rivas, docente e investigadora da escola, “o espírito crítico no alumnado e empoderar ás estudantes que cursan disciplinas tecnolóxicas”. A actividade (In)visibilidade das mulleres STEAM na cinematografía, impulsada por Rivas, conta co patrocinio da Unidade de Igualdade.
O ciclo arrancará este 8 de abril a partir das 16.30 horas coa proxección no salón de actos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación do documental Mercury 13, centrado no programa secreto deseñado para levar ao espazo á primeira muller astronauta e que foi abortado pola NASA.
O 22 de abril o público poderá asistir á proxección da película Hidden figures, que narra a historia das tres primeiras mulleres afroamericanas en acadar grandes metas no seo da NASA.
O segundo dos documentais do ciclo chegará o 5 de maio, Bombshell, no que a actriz e inventora Hedy Lamarr narra as súas vivencias, entre as que se inclúen o desenvolvemento das bases do sonar, o GPS, a tecnoloxía Wi-Fi ou o bluetooth. O ciclo chegará ao seu fin o 19 de maio coa proxección de A muller e a montaña, a historia dunha muller islandesa que rexeita o apoio dos gobernos a megaproxectos que non respectan o medio ambiente e sobreexplotan os recursos.
Mulleres protagonistas
“En todos os casos, as mulleres son protagonistas activas en ámbitos relacionados coa tecnoloxía. No caso dos documentais, o nesgo e a discriminación son denunciados de maneira explícita, permitíndonos descubrir as dificultades das protagonistas en reclamar o sitio que lexitimamente (pola súa formación e capacitación) lles corresponde e así descubrir a concepción androcentrista da realidade que describen” explica Teresa Rivas, que en relación coas películas que se proxectarán sinala que o obxectivo non é só dar visibilidade á contribución das protagonistas ao ámbito da tecnoloxía, “senón tamén mostrar diferentes miradas femininas ante os restos que se lles presentan”.
As proxeccións, nas que participará como moderador o experto docente en cine Alfonso Castaño, están especialmente dirixidas ao alumando das escolas de enxeñaría da UVigo, que deberá preinscribirse ata as 13.00 horas do mesmo día da emisión.

PUBLICIDADE