A UVigo impulsa unha manchea de proxectos TIC con amplo potencial para revolucionar o mercado

xoves, 20 de xaneiro do 2022 S. P.

A Universidade de Vigo fixo balance do acadado pola institución para converter en realidades palpábeis proxectos tecnolóxicos e científicos con potencial de seren trasladados ao mercado e ás empresas. Segundo fixo saber, foi quen de captar no ano que vimos de despedir 1,5 millóns de euros para desenvolver 10 proxectos proba-conceptos encadrados nos ámbitos das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), a saúde, a cosmética e o medio ambiente. Na listaxe inclúese unha destacada iniciativa da que falamos neste medio: Celia, que se dirixe a crear un asistente interactivo orientado a mellorar a comunicación das persoas con demencia.
Todos estes proxectos foron postos en macha e “por diante teñen dous anos nos que demostrar que a I+D+i que se realiza nos laboratorios universitarios pode ser trasladada ao tecido socio-produtivo en forma de produtos, bens, servizos ou calquera outra aplicación que sexa beneficiosa para a economía, a sociedade, a cultura ou as políticas públicas”, sinalou a Uvigo, especificando que 681.000 euros conseguíronse a través da convocatoria Probas de Concepto do Ministerio de Ciencia e Innovación, un programa de nova convocatoria financiado con fondos Next Generation EU, e 746.000 proveñen do programa Ignicia-Proba de concepto, unha iniciativa pioneira posta en marcha pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) en 2016 e que xa leva tres edicións.

Convocatoria Probas de Concepto

O proxecto que acadou un maior financiamento, 149.500 euros, é O3-Integap, Tecnoloxía de inxección de ozono para purificación de gases de escape. Neste caso, pártese dun traballo anterior no que se comprobou o importante potencial da técnica de inxección de ozono como sistema de purificación dos gases de escape e mecanismos de eliminación de fouling, e o obxectivo é estender esta técnica para contribuír á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro derivadas da combustión dos próximos biocombustíbeis e do resto de combustíbeis fósiles.
Relacionado tamén co medio ambiente o proxecto Hibritec+, financiado con 138.000 euros, busca un enfoque práctico e próximo á realidade de mercado na detección e o tratamento de compostos farmacéuticos.
Entre os proxectos que contan cunha maior cantidade de financiamento, preto de 100.000 euros, atópase tamén NanoInRe, que busca xerar nanofluídos optimizados para intercambiadores de calor nunha planta piloto de enerxía xeotérmica.
Dirixido especificamente ao ámbito sanitario, PolyDeepAdvance, cun orzamento de 75.000 euros, realizará a validación clínica e o plan de acceso ao mercado dun sistema de diagnóstico asistido por ordenador baseado no Deep Learning (técnicas de aprendizaxe profunda) para a detección e clasificación de lesións colorrectais en tempo real.
No ámbito das tecnoloxías TIC, VAIMos, financiado con 72.500 euros, busca valorizar os resultados do proxecto AIM sobre Internet de Todo (Internet of Everything, IoE); Realsat, cun orzamento de 40.000 euros, diríxese a procurar unha nova tecnoloxía, efectiva en custo, para mellorar a cobertura desde satélites xeoestacionarios pequenos (GEO) ou de órbita baixa (LEO); e, cun financiamento de 43.000 euros, FLATCity-Urban formula a necesidade de estender os algoritmos de caracterización de elementos do solo co fin de extraer outros atributos que enriquezan o mapa de navegación como son a anchura dos elementos ou o estado de conservación.
Da unión entre o mundo das TIC e a comunicación xurde DEBATrue, un proxecto ao que o ministerio lle concedeu 65.000 euros, financiamento co que tentar pór en marcha unha plataforma de verificación e comprobación en liña sobre as afirmacións realizadas polos candidatos ou candidatas durante e despois da celebración dos debates electorais, contribuíndo así ao desenvolvemento dun modelo de medios de comunicación máis innovadores e democráticos.

Ignicia: 388.000 para o proxecto Celia e 358.000 para Surfacorn

No caso da convocatoria Ignicia impulsada pola Xunta de Galicia a subvención é de 746.000 euros: 388.000 para Celia, un asistente interactivo orientado a mellorar a comunicación das persoas con demencia, e 358.000 para Surfacorn, traballo que busca aplicar o extracto biosurfactante obtido dos licores do lavado do millo para usos cosméticos e farmacéuticos.
No caso de Celia, proxecto que foi presentado o pasado mes de novembro nun acto celebrado no edificio Redeiras, permitirá que persoas con demencia en estados iniciais vexan retardado o seu deterioro cognitivo, utilizando unha tableta que lles ofrecerá contidos de estimulación personalizados, baseados en noticias, a partir das que se lle realizarán preguntas sobre esta información, pero tamén sobre a súa vida. O obxectivo é que a ferramenta permita que persoas maiores con deterioro cognitivo leve obteñan de xeito áxil e sinxelo información do seu interese, que se lles presenta en linguaxe natural. Para conseguilo bótase man de diferentes tecnoloxías: chatbots ou aplicacións informáticas baseadas na Intelixencia Artificial que permiten simular a conversa cunha persoa; análise de sentimento; algoritmos de Machine Learning (aprendizaxe das máquinas); xeración de linguaxe natural… todo baixo “unha aplicación Android amigábel”.

PUBLICIDADE