A UVigo e AFAGA achegan tecnoloxía para axudar ás persoas con demencia en estados iniciais
mércores, 10 de novembro do 2021
UVigo
e AFAGA presentaron os detalles dunha metodoloxía conxunta dirixida
a facilitar o acompañamento terapéutico de persoas con demencia
inicial. Trátase dunha tecnoloxía intelixente que aposta de cheo
por achegar información en linguaxe natural e por avaliar o estado
cognitivo dos usuarios mediante Intelixencia Artificial.
A
metodoloxía ten a orixe no proxecto Táctica, rematado en 2015 polo
Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) do centro AtlantTIC da
Universidade de Vigo, un proxecto no que amosaba os seus activos de
procesado de linguaxe natural con casos de uso de teleasistencia.
Esta experiencia serviu para que seis anos despois, en colaboración
da Asociación de Familiares de enfermos de Alzhéimer e outras
demencias de Galicia (AFAGA) e con financiamento da Fundación La
Caixa, o grupo dese forma á iniciativa En Compañía,
Acompañamento terapéutico intelixente a persoas con demencia.
A metodoloxía resultante (Celia) foi presentada este 9 de novembro
no edifico Redeiras e, segundo se fixo saber, “permitirá que
persoas con demencia en estados iniciais vexan retardado o seu
deterioro cognitivo, utilizando unha tableta que lles ofrecerá
contidos de estimulación personalizados, baseados en noticias, a
partir das que se lle realizarán preguntas sobre esta información,
pero tamén sobre a súa vida”.
Segundo
explicou o catedrático Francisco Javier González Castaño,
coordinador do Grupo GTI, “o estado cognitivo dos usuarios
analízase a partir das súas interaccións co sistema”. O docente
e investigador Francisco de Arriba Pérez e dous investigadores
posdoutorais completan o equipo da UVigo que participa no proxecto,
que bota man de elementos como chatbots ou aplicacións
informáticas baseadas en Intelixencia Artificial (que permiten
simular a conversa cunha persoa); análise de sentimento; algoritmos
de aprendizaxe máquina (Machine learning); xeración
de linguaxe natural, etc. Estes ingredientes chegan ao destinatario
final a través dunha aplicación Android amigábel.
Pola
súa banda, AFAGA encárgase das metodoloxías terapéuticas e
obradoiros con usuarios reais.
Segundo
explicaron, os promotores de Celia acaban de rematar probas con
expertos en xerontoloxía para axustar o sistema, de xeito que unha
trintena de persoas de Vigo e Baiona seleccionadas pola asociación
poderán empezar a probalo a finais deste mes ou principios do
seguinte nos sus domicilios. O proxecto, que se desenvolverá entre
setembro deste ano e setembro de 2022, conta cun orzamento de 33.000
euros, achegados pola Fundación La Caixa en convocatoria
competitiva, ao tempo que tamén servirá para afinar activos que se
valorizarán nun proxecto Ignicia 21 da axencia autonómica GAIN,
actualmente en fase 3 de avaliación.
Os
autores do proxecto destacaron a súa capacidade para “construír
unha intelixencia conversacional que permite acompañar, entreter e
avaliar o deterioro cognitivo das persoas maiores, de xeito
transparente, utilizando preguntas relacionadas con noticias de
actualidade, facilitando ás persoas usuarias que permanezan
conectadas coa súa contorna, salvando así fenda de accesibilidade
dixital”. Celia, engadiron, pode iniciarse mediante comandos de
voz, recoñecemento facial ou a través da interacción directa coa
tableta, “o que facilita o seu uso fronte a outros asistentes
comerciais, podendo incluso servir de base para o desenvolvemento de
asistentes conversacionais dirixidos a colectivos, como persoas con
diversidade”.