A UVigo organiza o día 7 unha xornada para inspirar estudos tecnolóxicos entre as mozas

venres, 4 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

Seguindo o fío das actividades da semana pasada, inseridas na celebración do Día das Rapazas nas TIC (tanto as celebradas polo CESGA coma as desenvolvidas polo CITIC na Coruña), e co obxectivo de visualizar unha problemática que vai a máis (a progresiva desaparición das carreiras tecnolóxicas entre as principais eleccións formativas das nosas mozas), a Universidade de Vigo organiza a semana vindeira, a segunda feira (luns 7 de maio), un obradoiro que quere ser un chamamento a alentar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC como un ámbito axeitado para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional. A cita IREI (Inspirando ás Rapazas para Estudar Enxeñaría) será na aula de internacionalización da sede do Consorcio da Zona Franca, en Bouzas.
Contarase na sesión de apertura (ás 10.30 horas) coa presenza de Teresa Pedrosa, delegada do Consorcio, Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade da Xunta, e Dolores González, vicerreitora de Estudantes da Universidade de Vigo. A continuación será a quenda do relatorio Contextualización e caracterización do problema, a cargo de Dolores González e Iñigo Cuiñas, director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Logo da pausa do café, presentarase a iniciativa Inspira STEAM da Universidade de Deusto, de man de Oihane Zarate. Ao fío das 12.15, Zarate afondará en estratexias de asesoramento para reverter as devanditas fendas de xénero nas carreiras tecnolóxicas.

PUBLICIDADE