A UVigo xunta alumnos de másteres matemáticos para resolver desafíos empresariais con Big Data, ML e simulación

venres, 13 de outubro do 2017 Redacción

Vigo vai acoller os días vindeiros, entre o 16 e o 20 de outubro, a cuarta edición dun obradoiro estudantil para resolver problemas industriais reais botando man de cousas como análise de Big Data, Machine Learning (ML) ou simulación, entre outras metodoloxías de traballo en auxe e espallamento e das que, queirámolo non, imos escoitar falar (e moito) de aquí en adiante. En termos máis concretos, o IV Iberian Modelling Week (IV IMW) busca recrear unha contorna laboral para que o alumnado de másteres con formación matemática traballe sobre retos concretos expostos por empresas. Segundo explica Javier Roca,profesor titular do Departamento de Estatística e Investigación Operativa da UVigo e membro do comité científico e organizador do evento, “trátase dun escaparate moi interesante para aqueles estudantes que queren que as empresas lles coñezan, e, para estas, resulta unha oportunidade de coñecer profesionais formados”.
O evento desenvolveranse con tres retos expostos. Estes desafíos, sinala Roca, “son tres exemplos de transferencia de tecnoloxías”, como a información a gran escala (Big Data), as máquinas pensantes e con capacidade de aprendizaxe (Machine Learning) e a simulación numérica no eido das telecomunicacións, o deseño de edificios e a industria da pedra.
O primeiro día do obradoiro, os alumnos elixirán o desafío que máis lles interesa e sobre el traballarán o resto das xornadas baixo a supervisión dun dos científicos que estivo involucrado na súa resolución. Tamén, poderán asistir representantes das compañías.
O encontro, que é de balde, está dirixido a alumnos españois e portugueses de másteres de matemáticas. Segundo explican os organizadores, o seu carácter internacional débese a que se trata dunha iniciativa conxunta do grupo de investigación Statistical Inference, Decision and Operation Research (SiDOR) da UVigo, o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI) e a Rede Española Matemática-Industria (Math-in), en colaboración coa Rede Portuguesa de Matemática para a Industria e a Innovación (PT-MATHS-IN).
Estes son os tres problemas a resolver: Big Data, Non te vaias aínda (Como manter no tempo ao cliente da nosa operadora de telefonía? Como saber que usuarios están insatisfeitos e quérense dar de baixa? E deses, cales son irrecuperábeis e cales poderían pensalo dúas veces se se lles melloramos as condicións?), Simulación: cara a onde sopra o vento (Como emprazar dispositivos aeroxeradores e optimizar a súa disposición no exterior dun inmóbel? Como cuantificar o potencial eólico dispoñíbel nas proximidades dun edificio ou infraestrutura, por exemplo na azotea dunha casa ou sede empresarial?) e Visión artificial e ML: automatización de procesos (Como mellorar a elaboración de placas de lousa, facendo fincapé no control de calidade, un proceso que aínda se ten que facer de maneira manual e téndose que revisar cada peza fabricada, unha por unha e por separado?).
A Iberian Modelling Week celébrase anualmente desde 2014 e alterna sede en España e Portugal. A súa primeira edición organizouse conxuntamente polo Centro de Estudantes de Matemáticas da Asociación Académica da Universidade de Coimbra (Portugal) e o Laboratorio de Matemática Computacional do Centro de Matemática da Universidade de Coimbra. A partir de entón, pasou a ser asumido pola Rede Portuguesa de Matemáticas para a Industria e a Innovación (PT-MATHS-IN) e pola Rede Española Matemática-Industria (Math-in).

PUBLICIDADE