A Universidade da Coruña achega no CITIC e na FIC respostas para afrontar os retos da ciberseguridade

venres, 6 de abril do 2018 Redacción

O Centro de Investigación TIC (CITIC) e a Facultade de Informática da UDC foron estes días os epicentros do debate arredor da ciberseguridade e de como temos que afrontar, cos instrumentos que temos, o gran reto da protección da información (con datos medrando de maneira exponencial e saíndose dos seus acubillos tradicionais para chegar aos obxectos que manexamos). Estamos a falar do Ciclo CyberCoruña 2018, que xuntou onte e hoxe, na sede do CITIC, unha manchea de referenciais e prestixiosos expertos en materia de coñecemento e métodos para salvagardalo.
O reitor da Universidade de A Coruña, Julio Abalde, foi o encargado da inauguración do evento, que, en palabras da UDC, “foi un punto de encontro entre profesionais dos ámbitos empresarial, público, militar e académico, que ofreceron os seus puntos de vista sobre a situación da ciberseguridade a nivel mundial”.
O Ciclo CyberCoruña 2018. Actualidade Europea en Ciberseguridade: da formación ao usuario estivo orientado na súa primeira xornada aos actores industriais e do sector público, así como aos investigadores e a academia. Na sesión de hoxe, que tivo lugar na Facultade de Informática da UDC, compartíronse as accións que se están levando a cabo tanto a nivel de programas de formación, como a nivel de oportunidades de investigación e de desenvolvemento de produtos e servizos.
Segundo destacan fontes da Universidade, o Máster en Ciberseguridade da UDC tivo gran protagonismo na xornada. O reitor, de feito, salientou que esta oferta académica (achegada en colaboración coa Universidade de Vigo) “rompe a idea de que as universidades non se poñen de acordo entre elas”. Asemade, expresou a súa arela de acadar que “as empresas e institucións se impliquen”, xa que o máster pretende achegarse á “realidade do que necesitan as empresas” para “ofrecer unha formación máis axeitada”.
O coordinador de CyberCoruña 2018, Fidel Cacheda, profesor da UDC e investigador do CITIC, foi o encargado de moderar a mesa redonda e destacou “a diversidade da comunidade de relatoras e relatores”, como o profesor da Universidade de Tecnoloxía de Tallín, Olaf Maennel; a directora de Comunicación e Proxectos de APWG (Anti-Phishing Working Group), Zoriana Dmytryshyna; o director de Seguridade da Comunicación de Navantia, Francisco Soto Belchi; o director de Ciberintelixencia Estratéxica de Prosegur, José María Blanco Navarro; a delegada de Protección de Datos (DPO) de Grupo Euskaltel, Susana Rey Baldomir; e o investigador do CITIC e coordinador do Máster en Ciberseguridade da UDC, José Carlos Dafonte Vázquez.

PUBLICIDADE