A Xunta e o CPEIG organizan obradoiros de robótica para os rapaces hospitalizados
xoves, 19 de decembro do 2024
A Xunta, a través da Consellería de Sanidade, está a desenvolver esta semana obradoiros de robótica e programación para menores ingresados en centros hospitalarios do sistema público de saúde, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). A Consellería celebrou novas sesións no Hospital Clínico de Santiago de Compostela, no CHUAC e no hospital Arquitecto Marcide de Ferrol. Este xoves 19 de decembro os obradoiros teñen lugar no HULA e no hospital Álvaro Cunqueiro, mañá venres 20 no hospital de Ourense e, despois de Reis, no hospital Provincial de Pontevedra.
Nestes obradoiros realízanse actividades como transformar froitas e utensilios de cociña en mandos de xogos de computador; ou probar robots con forma de coche ou mascota que mudan o seu comportamento en función do son ambiental, da luz ou da distancia a outros obxectos grazas a sensores integrados.
“Con estas actividades interactivas e prácticas”, informan Sanidade e o CPEIG, “proporciónase unha distracción positiva da situación médica de cada paciente e agárdase que contribúa á súa recuperación emocional e mental, xa que a hospitalización é unha fonte de estrés para nenas e nenos e as súas familias; por iso, os obradoiros están pensados para celebrarse en grupo e así favorecer a interacción social”.
Os obradoiros son impartidos por empresas galegas do ámbito tecnolóxico a través dos seus plans de responsabilidade social corporativa e, para poder levalos a cabo, o Servizo Galego de Saúde destinou 11.500 euros á adquisición do material necesario.
Participan voluntarios de empresas tecnolóxicas como Bahía Software, H3C, Telefónica, HPE, Balidea, NTT Data, Minsait e DXC, así como a colexiados e colexiadas do CPEIG.
Na iniciativa tamén colabora o CITIC (Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña), que achegou ás persoas voluntarias formación sobre os elementos robóticos que protagonizan os obradoiros, xunto con varios membros do grupo TALIONIS do citado centro.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia conta xa con experiencia previa en actividades didácticas destinadas á nenez xa que desde o ano 2010, en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, organiza as charlas Navega con Rumbo. Nestas sesións xa participaron milleiros de alumnos para formarse sobre a navegación segura en internet e o uso seguro das redes sociais.