A Xunta facilita a comunicación das persoas xordas coa Administración

luns, 8 de setembro do 2025 Redacción

A Xunta investirá preto de 340.000 euros nos anos 2025 e 2026 para garantir o servizo de videointerpretación en lingua de signos, mediante un convenio que será asinado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica e pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAPXG). O acordo, autorizado hoxe polo Consello do Goberno galego, asegura a continuidade dun recurso que facilita o acceso das persoas con discapacidade auditiva aos servizos públicos.
Galicia foi das primeiras comunidades en contar cunha plataforma deste tipo, posta en marcha en 2011 e que se foi ampliando co tempo. Actualmente está dispoñible presencialmente nas sete oficinas principais de rexistro e atención cidadá, en catro oficinas de turismo, nas urxencias de 14 hospitais e en 90 puntos de atención continuada do Sergas. Tamén pode empregarse en liña a través da páxina web da Xunta ou por teléfono nos números 061, 012, 112, 085 e 065, entre outros.
Na modalidade presencial, os hospitais, centros de saúde, oficinas administrativas e puntos de información turística dispoñen de terminais que permiten ás persoas xordas comunicarse directamente co servizo de videointerpretación da FAPXG, facilitando o diálogo en tempo real co persoal público.
Na modalidade en liña, o acceso faise desde o portal web da Xunta mediante ordenador, móbil ou tableta: o usuario selecciona o servizo co que precisa contactar e o videointérprete establece a comunicación en tempo real coa persoa destinataria.
Este convenio reafirma o compromiso da Xunta coa inclusión dixital e a igualdade de oportunidades, garantindo que a cidadanía poida acceder aos servizos públicos en condicións de plena accesibilidade.