A Xunta quere que os concellos creen solucións propias de I+D e reteñan talento

martes, 16 de decembro do 2025 S. P.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, inaugurou este martes 16 de decembro a xornada Cara a Transformación Municipal: Plans Locais de I+D+i, na que participaron máis de 130 representantes de entidades locais, deputacións, grupos de acción rural e axentes do ecosistema innovador (universidades, empresas e centros tecnolóxicos e de investigación).
Os Plans Locais de I+D+i “perseguen levar a innovación a todo o territorio como mecanismo de mellora social, económica e territorial”, sinalou o titular de Ciencia, que estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, e da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto.
Ao abeiro desta iniciativa, a Xunta dotará aos municipios de “ferramentas para crear solucións innovadoras propias, xerar coñecemento útil e desenvolver iniciativas converténdoos en territorios innovadores, sostibles e atractivos para as persoas e as empresas”, sinalou o conselleiro, engadindo que “cada euro investido en plans locais mellora a capacidade de resposta dos concellos e fortalece todo o ecosistema galego de I+D+i, xa que os entes locais teñen unha función fundamental para liderar procesos que xeren benestar e progreso para os seus cidadáns”.
No marco deste proxecto realizarase un proceso participativo para a elaboración dun plan local de I+D+i, marco que servirá de guía e proporcionarase formación específica en innovación ao persoal dos concellos para que sexan quen de colaborar activamente na elaboración e execución do plan. Así mesmo, celebrarase en 2026 un congreso centrado neste ámbito.
Os asistentes á xornada tiveron oportunidade de coñecer experiencias desenvolvidas no ámbito municipal, a través da conferencia do alcalde do municipio madrileño de Las Rozas e presidente da Rede Española de Cidades Intelixentes, José de la Uz, sobre innovación local.
Na cita tamén se celebraron dúas mesas redondas sobre casos de boas prácticas e a visión dos alcaldes.
Na primeira delas, moderada por Carmen Cotelo, participaron a secretaria de Administración local de Riba-Roja de Túria (Valencia), Ylenia Díaz; o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, e a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro. Na segunda mesa redonda, moderada por Natalia Prieto, interviron a alcaldesa de Viveiro, María Gueimunde; o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez; o alcalde de Nigrán, Juan González, e o exalcalde de Carballo, Evencio Ferrero.
Ademais, explicáronse os próximos pasos da folla de ruta para impulsar o desenvolvemento de plans de I+D+i nas entidades locais.
Esta iniciativa xorde no marco do Plan galego de investigación e innovación 2025-27, como unha das súas principais novidades e prioridades estratéxicas, co obxectivo de “impulsar a innovación no eido local”.