A aplicación Alpify facilitou o rescate de dous montañeiros en Euskadi

martes, 28 de xaneiro do 2014 Fernando Sarasketa

Tanto se fala sobre os riscos de usar as TIC sen unhas pautas lóxicas de conduta, pero de cando en vez (cada vez máis) chegan á nosa redacción informacións en clave positiva sobre o importante papel despregado polas tecnoloxías. Este luns 27 os internautas e usuarios de dispositivos en xeral tiveron ocasión de lembrar que termos o móbil o man pode salvar vidas. E senón que llelo digan aos montañeiros que se extraviaron os días pasados na contorna do monte Jaizkibel (Gipuzkoa) e conseguiron ser rescatados pola Ertzaintza nun prazo de media hora. A clave de tanta rapidez? Hai que buscala na aplicación móbil Alpify, servizo de xeolocalización habilitado nos recursos de urxencias do Goberno de Euskadi.
Os montañeiros, segundo explicou o executivo vasco, perdéronse a pasada fin de semana e o rescate levouse a cabo na noite do sábado. Previamente, un dos aventureiros tivo o bo tino de activar no seu dispositivo móbil a alerta da ferramenta Alpify, o que fixo posible que os servizos de rescate tivesen oportunidade de localizalos xeograficamente sen apenas marxe de erro. Tamén souberon de contado o seu número de teléfono e o seu nome. A recollida dos montañeiros desenvolveuse como dixemos en só trinta minutos, malia as condicións do clima especialmente adversas (a pasada fin de semana bateu en Euskadi e Nafarroa un temporal equivalente a este que estamos a vivir arestora os galegos). Lembrar que a devandita aplicación móbil foi integrada recentemente nos servizos de urxencias do Goberno vasco e é de balde e compatible con trebellos con iOS e Android. Entre outras cousas, permite ao usuario, en caso de emerxencia, enviar o seu emprazamento exacto aos equipos de rescate. Isto faise con só premer o botón de emerxencia da aplicación. A maiores, os usuarios, a condición de que se atopen dentro do perímetro de funcionamento de Alpify, poden recibir mensaxes relativas á seguridade da zona en que se atopen. Por exemplo: os esquiadores e usuarios que practiquen actividades nunha estación de esquí que dispoña de Alpify poderán recibir mensaxes sobre as condicións climatolóxicas, posibles avarías, etc.