A aplicación de miDGT pode descargarse libremente

xoves, 12 de marzo do 2020 Marcus Fernández

A primeiros de ano comezaron as probas da aplicación móbil miDGT, aberta só a un número limitado de usuarios, e que finalmente está dispoñible de xeito libre tanto para Android como para iOS, o que permítenos así probar esta ferramenta que facilita levar no móbil o noso carné de conducir e a documentación dos nosos vehículos, para comodidade dos usuarios e para a axilización de trámites (xa que está previsto que incluso sexa posible pagar as sancións directamente dende o móbil).
Esta solución permite identificarnos co sistema Cl@ve (ou mediante certificado dixital ou DNI electrónico) para acceder á nosa información, de xeito que teremos doado lembrar cando debemos renovar o carné de conducir, pasar a ITV ou renovar o seguro do noso automóbil, á vez que avanzará na Administración electrónica ao reducir o uso de documentos físicos e potenciar a realización de trámites en liña.
Polo momento non hai un prazo definido para que a documentación de Tráfico almacenada no noso smartphone pase a considerarse oficial, de xeito que os usuarios da aplicación de miDGT polo momento deben continuar a levar consigo cando conduzan tanto o carné como a documentación do seu vehículo.

PUBLICIDADE