A aplicación de videoconferencia móbil Google Duo ábrese ao público

martes, 16 de agosto do 2016 Marcus Fernández

En maio Google anunciou que estaba a preparar Duo, unha solución de videoconferencia baseada en dispositivos móbiles, que buscan principalmente a simplicidade de uso, optimizando tamén o uso do largo de banda da nosa conexión e sorprendendo pola función Knock Knock (que amosa un vídeo en vido da persoa que está a chamar antes de responder a súa solicitude de videoconferencia); e agora confirman que xa están a espallar a aplicación a nivel global, de xeito que os usuarios tanto de Android como de iOS poderán comezar a gozar de Google Duo a partires de hoxe.
Google Duo busca un funcionamento sinxelo, na liña de WhatsApp (ferramenta que incorporará a videoconferencia para o ano que vén), de xeito que non haberá que empregar a nosa conta de Google para identificarnos, senón que usaremos o noso número de teléfono, polo que facer unha videochamada sería tan sinxelo como chamar por teléfono, aínda que para iso sería preciso que ambos interlocutores contase con aplicación de Duo instalada, algo que tardará en acontecer pois, aínda que os smartphones con futuras versións de Android a inclúan preinstalada, non parece probable que os usuarios actuais salten en masa a probar unha nova aplicación que atende unha demanda que xa satisfán dende hai moito tempo Skype e Facebook Messenger, cun uso bastante reducido no contorno móbil (onde o vídeo pode considerarse unha intromisión demasiado grande).
Dende Google aseguran que Duo analiza constantemente a calidade da comunicación, de xeito que axustarase ao estado da rede, mellorando a calidade cando teñamos unha boa conexión, e reducíndoa con conexións lentas, para así garantir a comunicación, sendo incluso capaz de manter unha videoconferencia cando pasemos da nosa rede Wi-Fi doméstica a unha rede móbil. Amais, as comunicacións estarán cifradas, polo que as videoconferencias permanecerían agochadas de miradas alleas.

PUBLICIDADE