Google amósanos as tecnoloxías que fará realidade nos vindeiros meses

mércores, 18 de maio do 2016 Marcus Fernández

Durante a xornada de hoxe botou a andar unha nova edición do evento para desenvolvedores Google I/O, cunha presentación que puido seguirse internacionalmente a través de streaming no que presentáronse interesantes novidades que achegará Google nos vindeiros meses, e que serán de grande utilidade tanto para usuarios como para programadores.

Google Home

Un dos grandes cambios que veremos en breve será o novo asistente de Google, que podemos considerar como unha evolución de Google Now, a través do que será posible establecer un diálogo continuo, de xeito que Google poderanos axudar a mercar entradas no cine, a atopar un local onde tomar algo antes de ver o filme e incluso a chegar ao cine á hora da proxección, xa que este asistente, que funcionará en todo tipo de dispositivo, é sensible ao contexto, grazas aos anos de experiencia que ten Google atendendo ás consultas dos usuarios.
Esta nova tecnoloxía aplicarase en ámbitos como o fogar, para o que presentaron hoxe Google Home, un trebello que parece a resposta de Google ao Amazon Echo, e que consiste nun altofalante conectado ao que podemos dar ordes de voz, para así xestionar as nosas tarefas diarias ou simplemente realizar consultas a Google, das que escoitaremos respostas a viva voz, aínda que tamén poderá empregarse para funcións domóticas (control do termóstato, control da iluminación, programación do forno...) que se poderán desenvolver convertendo a este trebello no corazón do fogar dixital.

Allo e Duo

O asistente de Google tamén estará integrado en Allo, unha nova aplicación de mensaxería na que contaremos coa axuda dunha intelixencia artificial que estará pendente da nosa axenda, das nosas fotografías, das nosas viaxes... en definitiva, do noso mundo. Esta ferramenta inclúe smart reply, que suxire respostas a mensaxes baseadas no contexto, facendo as conversas máis expresivas con emoticonas e fotografías creativas. Tamén conta cun modo incógnito que prové cifrado punto a punto, notificacións discretas e mensaxes que expiran.
Amais, dende Google pensan que as videoconferencias teñen dificultades para chegar ao público pola súa complexidade, polo que propoñen Duo, unha aplicación para chamadas de vídeo moi sinxela, que promete funcionar en redes lentas (aínda que pode funcionar a 720p, axústase ao largo de banda dispoñible, e incluso permite pasar sen interrupcións de rede móbil a Wi-Fi), e que destaca pola funcionalidade Knock Knock, que amosa un vídeo en vivo da persoa que está a chamar antes de que respondamos.
Tanto Allo como Duo están baseados no número de teléfono, de xeito que buscarían chegar así a un maior público (na liña do que fai WhatsApp) e estarán dispoñibles este verán para iOS e Android.

Vídeo de presentación de Duo

Android N, Android Wear 2.0, a realidade virtual e as aplicacións instantáneas

A plataforma que está a dar os seus últimos pasos cara ao seu lanzamento é a vindeira versión de Android, que polo momento coñécese como N, en espera a que se decida cal será o seu nome (para o que piden axuda do público), e que probablemente sexa un cambio moito máis importante do que supuxo Marshmallow (aínda con pouca presenza e cunha demanda moi tímida). Android N suporá unha mellora de rendemento para gráficos e efectos, menor consumo de batería, menor uso do almacenamento, actualizacións descargables en segundo plano, notificacións melloradas e 72 novas emoticonas; pero non quedarán aí as novidades, senón que hoxe tamén adiantaron que servirá para soster unha nova plataforma de realidade virtual en alta calidade para móbiles, Daydream, para o que Google conta con numerosos socios, e que estará dispoñible no outono.
A tenda de aplicacións de Google Play adaptarase ás aplicacións de realidade virtual, estará dispoñible un deseño de visor de realidade virtual elaborado por Google para que o produza quen o desexe, e incluso preparouse un mando para facilitar a interacción en contornos de realidade virtual. Toda unha infraestrutura que fará que poidamos gozar dunha experiencia de realidade virtual digna dende dispositivos móbiles (de feito, Android N tamén contará cun modo de funcionamento optimizado para correr aplicacións de realidade virtual, perseguindo así conseguir velocidades de latencia inferiores aos 20 milisegundos para conseguir unha experiencia realmente inmersiva).
Android Wear 2.0 tamén achegará importantes novidades, como unha nova experiencia de usuario, a posibilidade de correr aplicacións directamente no reloxo (ou sexa, de xeito independente ao smartphone) e incluso poderá conectarse á nube directamente a través de conectividade móbil, Wi-Fi ou Bluetooth.
Pero posiblemente a funcionalidade máis esperada para Android, e que finalmente será unha realidade, será a das Android Instant Apps, que consiste en que as aplicacións que estean adaptadas debidamente poderán correr no móbil sen a necidade de instalarse, conservando todas as funcionalidades dunha aplicación nativa, pero cargando só as funcionalidades que esixe o usuario. Desta volta non será preciso gozar da última versión de Android, senón que esta funcionalidade baseada nos servizos de Google funcionará en dispositivos que funcionen con Android 4.1 ou superior. Deste xeito, cando queiramos reservar habitación nun hotel, mercar un billete para o cine ou calquera outro uso puntual, poderemos gozar da aplicación móbil desenvolvida para tal fin, pero sen a necesidade de instalala previamente, e evitando así a molestia de ter que desinstalala tras o seu uso.

Facilidades para os desenvolvedores

Entre as novidades para os desenvolvedores Google presentou hoxe ferramentas como Firebase, unha plataforma que integra características como analíticas móbiles, ferramentas de crecemento e informes de fallos, que pretenden axudar á creacións de aplicacións e á súa monetización. Esta plataforma en liña ofrece un plan de balde con límites moi xenerosos, aos que seguen plans de pagamento bastante flexibles.
Os desenvolvedores tamén poden agora acceder á terceira versión preliminar de Android N, á nova versión de Android Studio 2.2, os kit de desenvolvemento de Android VR (para comezar a construír as solucións de realidade virtual do futuro), acceso preliminar a Android Wear 2.0, novas ferramentas para facer uso de Android Pay (facilitando así a integración do sistema de pagamentos de Google nas aplicacións) e moitos outros recursos que irán debullando durante a celebración do Google I/O.