A aplicación móbil de Tuenti facilita a descarga das fotografías subidas á súa rede social

mércores, 2 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Os rumores de que Tuenti podería botar o peche da súa rede social viñan acompañados con comentarios que apuntaba que a empresa prepararía unha ferramenta para que os vellos usuarios puidesen rescatar as súas fotografías desta plataforma en liña, e finalmente hoxe anuncian a nova versión da aplicación de .Tuenti, claramente orientada ao uso da función de VozDigital do agora Operador Móbil Virtual (OMV), pero estaca por incluír a posibilidade de xerar un vídeo coas fotografías máis populares publicadas no seu día en Tuenti e incluso descargar todas as fotografías subidas á plataforma nun arquivo ZIP clasificado por cartafoles.
Dende .Tuenti tamén decidiron regalar 50 minutos de VozDigital aos seus usuarios, para que se animen a probar o servizo de voz baseada en datos, e que así poidan chamar a un teléfono móbil ou fixo dende o seu teléfono, tableta ou ordenador, con só contar con acceso á Rede.
Polo momento non se fixo ningún comunicado oficial sobre o previsible peche da rede social de Tuenti.