A aplicación musical de Windows 10 finalmente chamarase Groove

luns, 6 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Nos vindeiros días espérase que remate o desenvolvemento de Windows 10 para remitir copias aos fabricantes de hardware, polo que estanse a ver importantes cambios no sistema operativo, que nalgúns casos corresponden a decisións estratéxicas e de marca, e no apartado do software de lecer multimedia sorprenderon transformando a aplicación musical Xbox Music en Groove, nome que pretende describir a sensación da xente cando escoita música, mentres que Xbox Video tamén pasará a chamarse Movies & TV, ou sexa, que parece que en Windows 10 queren desfacerse da marca Xbox para funcións que non teñen nada que ver cos videoxogos para non confundir aos usuarios.
Groove busca achegar unha experiencia mellorada á hora de escoitar e xestionar a música en Windows 10, facilitando o funcionamento da aplicación tanto con rato e teclado coma con xestos táctiles, e ofrecendo incluso a posibilidade de gozar da interface da aplicación cun tema escuro ou claro, adaptándose así aos gustos do usuario. A aplicación continuará a estar integrada con OneDrive, de xeito que os usuarios poden subir a súa música en MP3 no almacenamento na nube de Microsoft para poder gozar da mesma dende os seus dispositivos e equipos con Windows, vía web, na Xbox e incluso en dispositivos con Android e iOS.
Tamén cómpre destacar que parecen estar na mesma guerra polo streaming de Apple e Spotify, xa que será posible subscribir Groove Music Pass (simple cambio de nome de Xbox Music Pass) para acceder a máis de 40 millóns de temas por 9,99 dólares/mes ou 99 dólares/ano, permitindo tamén que os subscritores poidan crear emisoras de radio baseadas nas súas cancións favoritas.
Movies & TV facilitará o acceso a vídeos persoais que teñamos no noso equipo, e a películas e series de televisión que poderemos mercar en liña da tenda multimedia que virá integrada en Windows 10. Esta aplicación tamén estará adaptada tanto a interfaces tradicionais como a pantalla táctiles. Como importante novidade, Windows 10 tamén soportará vídeos en formato .MKV.

PUBLICIDADE