A celebración do Black Friday medrará en Galicia nun 22%

xoves, 16 de novembro do 2017 Redacción

Achégase o Black Friday, o último venres de novembro (o 24) e isto significa, entre outras cousas, que moita xente vai tentar “solucionar” as compras de Nadal nunha única xornada (unha xornada moi acaida para descontos de todo tipo no ámbito tecnolóxico), que o mercado español segue adiante con esta celebración importada de Estados Unidos (será a sesta edición do evento no ámbito estatal) e que haberá novamente unha chuvia de cifras récord de vendas. Será Galicia unha excepción nesta tendencia? Pois segundo a plataforma experta na cuestión do Black Friday, Black-friday.sale, non o será. Segundo os seus datos, todo apunta a que a celebración medrará nun 22% en Galicia nesta edición 2017 (sendo a media estatal dun 21%).
A Coruña, ademais, repetirá como unha das cidades do ámbito estatal onde máis interese esperta o devandito evento comercial. En cuestión de comercio electrónico, Amazon foi o establecemento en liña máis buscado polos galegos durante o evento do ano pasado, abranguendo o 32% das procuras. Por temáticas, impuxéronse as novas tecnolóxicas, a telefonía e as viaxes.
A plataforma tamén informa que o ano pasado os galegos realizamos máis de 110.000 de procuras relacionadas co Black Friday.
En total, a empresa engade que polo menos tres de cada cen persoas en España realizaron durante novembro de 2016 unha procura relacionada co Black Friday. “Este evento”, engádese, “xa se converteu no máis importante en liña con máis de 1,8 millóns de procuras durante novembro do ano pasado; mentres que as rebaixas de inverno acumulan 135 000 procura en xaneiro”.
Para quen no o saiba a estas alturas, o nome de Black Friday (Venres Negro) vén dado porque os establecementos de EE UU adoitan vender unha chea de lotes e produtos un día despois da festa de Acción de Gracias, pasando a súa contabilidade do vermello ao negro.

PUBLICIDADE