Montserrat Guardia, directora de Servizos Dixitais do Banco Sabadell, explicou a súa visión sobre a presenza das mulleres nas carreiras STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) no marco do programa GIRL STEM: derrubando estereotipos, que impulsa a Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) e a AMTEGA.
A directora de Servizos Dixitais do Banco Sabadell, con máis de 20 anos traballando no sector tecnolóxico e participando na transformación dixital de grandes compañías, como Technip, SchlumbergerSema, e de grandes eventos, como os Xogos PanAmericanos 2007 e o Mundial de Fútbol de 2002, nun encontro con máis de 100 rapazas e rapaces do IES Valle Inclán de Pontevedra apuntou algunhas claves necesarias para que as rapazas escollan libremente una carreira científica ou tecnolóxica, que son ámbitos nos que a presenza feminina apenas chega ao 30% do total de estudantes.
Guardia asegura que «a conciliación non inflúe á hora de escoller unha carreira STEM» e salienta que «en carreiras como Medicina, por exemplo, hai moitas mulleres, a pesares da dureza do traballo e das gardas que hai que facer, que son difíciles de encaixar nunha vida familiar», polo que cre necesaria unha maior comprensión cara o papel que pode ter a muller en profesións técnicas.
A directiva do Banco Sabadell apuntou ao momento «histórico» que está a vivir a humanidade, no que a tecnoloxía está transformando todos os ámbitos da nosa vida e economía e asegurou aos estudantes do IES Valle Inclán de Pontevedra que «estades vivindo o pico da onda dun momento histórico e, se vos dedicades a estas carreiras STEM, ides surfear a onda porque actualmente todos os sectores e empresas teñen unha vertente dixital. O futuro é tecnolóxico».
A directora de Servizos Dixitais do Banco Sabadell insta ás mozas a estudar carreiras STEM
Compartir Este Artigo

