Finalmente, e pese á sucesión de polémicas por mor das múltiples intrusións nos sistemas de Yahoo! expondo as credenciais dos seus usuarios, Verizon farase coa histórica compañía de Internet e, para a súa integración con outra das súas compras recentes, AOL, optan pola creación dunha nova marca, Oath, que verá a luz no verán.
Oath será a compañía que controlará os activos de AOL e Yahoo!, xestionando máis de 20 marcas que chegan a máis dun milleiro de millóns de consumidores de todo o mundo, ou sexa, que estamos ante unha división de medios de Verizon que principalmente busca ter unha grande carteira publicitaria. Aseguran que «no verán de 2017 podes apostar que lanzaremos unha das compañías coa marca máis disruptiva no eido dixital».
O que tamén parece claro é que a polémica Marissa Mayer non formará parte da nova compañía, e non sería a única directiva de Yahoo! en abandonar o barco. Por outra banda o que haberá que agardar para ver é se Oath queda nun simple nome para a formalización da nova empresa ou se pretenden que chegue a ocupar o espazo dunha marca histórica como Yahoo!.
A empresa resultante da combinación de AOL e Yahoo! chamarase Oath
Compartir Este Artigo
