A ferramenta galega xeoPesca, entre as máis votadas para os Premios Portalprogramas

martes, 19 de novembro do 2013 Redacción

O software galego xeoPesca, solución informática aberta encamiñada a achegar rexistros da actividade pesqueira das flotas e barcos dos nosos armadores (facendo máis doados a xestión e o traballo diario dos profesionais do mar), é estes días unha das solucións máis votadas dentro do certame posto en marcha pola comunidade Portalprogramas.com para elixir as mellores ferramentas abertas. Máis polo miúdo, xeoPesca atópase en primeiro lugar na categoría de software revolucionario, acaparando este 19 de novembro case a metade dos votos da modalidade.
No certame participan os internautas achegando cadanseus votos (o proceso xa está aberto e durará até o 16 de decembro de 2013).
Os Premios Portalprogramas ao mellor software libre é unha iniciativa que vén da man da dita comunidade e que se convocan de forma anual para valorar o traballo dos desenvolvedores que basean os seus proxectos na filosofía do software libre. Ademais, prémiase tamén ao mellor blog de difusión sobre programación aberta cunha doazón en metálico de 300 euros.
Lembremos que xeoPesca deuse a coñecer este verán, vindo da man dun proxecto de fin de carreira presentado por Pablo Belay Fernández na Universidade da Coruña, onde acadou, na súa defensa, unha avaliación de 9,5. A aplicación resultante, que se distribúe baixo código libre, achega como dixemos a creación dun rexistro de actividade que, entre outras cousas, facilitaría o intercambio de información entre patrón e armador e achegaría análises completas sobre os recursos mariños (co fin de optimizar as capturas en función da experiencia previa rexistrada no sistema). Este cómputo de áreas de meirande presenza de recursos, sinala Pablo Belay, pode ser axustado en base a diferentes variábeis como son a temperatura, a dirección do vento ou a fase luar.
XeoPesca tamén amosa un importante potencial como factor de seguimento do produto ao longo da cadea de comercialización, xa que posibilita unha maior trazabilidade alimentaria. A aplicación xeoPesca permite de feito tres diferentes roles na aplicación: os administradores do sistema, os armadores e os patróns. Os administradores realizan funcionalidades como a de dar de alta usuarios, xestionar as artes e especies permitidas no sistema. Os armadores poden xestionar os barcos e rexistrar patróns no sistema (tarefas precisas para levar un control da pesca e consultar os mapas das faenas).

PUBLICIDADE