A filtración da HBO desvélase como un caso de extorsión

martes, 8 de agosto do 2017 Marcus Fernández

JPEG - 57 KB
Ao estarmos en plena emisión da nova tempada de Game of Thrones calquera filtración da HBO cobra unha especial relevancia

Os problemas da HBO por mor dunha importante intrusión nos seus sistemas continúan, agravándose ao filtrarse o último episodio de Game of Thrones (a serie estrela da compañía) antes da súa emisión, e aínda que inicialmente daba a impresión de que só pretendíase causar dano á HBO, agora podemos ter a impresión de que as intencións non son outras que quitar proveito económico a través da chantaxe.
Nas últimas horas os responsables da intrusión en equipos da HBO publicaron un vídeo no que aseguran ter superado a seguridade da rede da compañía tras 6 meses de traballo, á vez que filtran unha serie de correos electrónicos de uso interno desvelando plans empresariais e de mercadotecnia, para demostrar que teñen información sensible, tras o que demandan o pagamento dun rescate. Os criminais aseguran que a HBO foi o seu obxectivo número 17, e dos anteriores só 3 rexeitaron pagar.
Entre a última información filtrada figurarían un resumo do vindeiro capítulo de Game of Thrones, información de contacto de varios actores da serie , documentos confidenciais... un total de 3,4 GB de material sensible.
Dende a HBO están agora centrando os seus esforzos en analizar o sucedido e tomar medidas para que non se repita, aínda que o feito de que o roubo de información fose hai tempo dá a entender que queda moita información sensible por desvelar, e as vindeiras tres semanas (as que quedan para o remate da tempada actual de Game of Thrones) poden converterse en todo un pesadelo para a HBO.

PUBLICIDADE