A galega Ana María López publica un completo manual sobre a suite CorelDRAW X3

martes, 6 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

A deseñadora galega Ana María López (directora de www.corelclub.org) é a autora dun libro que interesará a tódolos que se teñan posto a traballar coa ferramenta CorelDRAW X3 ou teñan pensado poñerse a curto ou medio prazo. A obra, que en termos máis xerais vai dirixido a quen fixo, fai ou fará deseño gráfico profesional, vén de ser publicada por Anaya Multimedia e probablemente sexa o manual máis completo sobre a dita suite de traballo que existe hoxe nas librarías. O libro consta de 478 páxinas con 570 ilustracións a toda cor, e inclúe tamén un CD con tódolos arquivos de prácticas e os orixinais (.cdr) dos traballos recoñecidos no Concurso de Deseño con Corel 2006 que organizou o dito club que dirixe Ana María López en maio de 2006.
Cómpre sinalar que a experiencia da deseñadora galega no eido da publicación non ten a orixe nesta obra da que falamos (nin probablemente teña tampouco o seu remate), xa que para a editorial Anaya xa ten publicado previamente dúas obras máis. A xuízo desta empresa, o manual CorelDRAW X3 está a ser moi ben valorado polos profesionais do deseño e do mundo editorial, tanto pola súa calidade gráfica como polo seus contidos didácticos. Nesta ligazón podemos obter máis información sobre o libro.

PUBLICIDADE