A galega Appentra, finalista na prestixiosa competición South Summit Startup

luns, 5 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

Appentra Solutions, a spin-off participada pola UDC e promovida por investigadores vinculados ao Centro de Investigación TIC (CITIC), vén de resultar finalista na prestixiosa competición de novas firmas innovadoras South Summit Startup, edición 2019. E faino xunto cun centenar de empresas máis, todas elas exemplos da innovación internacional “máis prometedora”. As iniciativas finalistas foron seleccionadas entre os máis de 3.700 proxectos presentados para a competición.
Un comité encargado de proceso de avaliación estivo formado por 150 expertos, que tiveron en conta parámetros e características como o nivel de innovación de cada achega, a súa capacidade para adaptarse a diferentes contornas e evolucionar no tempo (o que se coñece como escalabilidade), a súa capacidade interna para medrar, o equipo de profesionais que participan no proxecto e o interese investidor que este pode xerar.
En palabras de Appentra, “participar no evento permitiranos acceder a novas oportunidades de negocio, conectando con investidores e corporacións na procura activa de innovación”. Amais, engade a empresa da Coruña, “teremos acceso ao pitch para investimentos internacionais de alto nivel, medios e corporacións líderes, reunións con corporacións do noso interese e participación no programa de titoría personalizado”.
South Summit é a maior exposición empresarial do sur de Europa, que reúne as máis prometedoras startups e empresas e axentes de investimento internacionais entre os días 2 e 4 de outubro de 2019 en Madrid.

PUBLICIDADE