A galega Disashop lanza un programa para mellorar a satisfacción dos seus usuarios en toda España
martes, 14 de maio do 2013
A empresa galega Disashop
de produtos electrónicos prepago, da que temos falado con
motivo do seu servizo para controlarmos o gasto en liñas 800,
segue a achegar innovación dende a súa sede principal de Betanzos.
E faino, desta volta, cun novo programa de captación de clientes. A
iniciativa chámase Un Puntazo e diríxese, en palabras da
empresa, “a potenciar a confianza e satisfacción dos
seus usuarios, así como ofrecer múltiples vantaxes
aos 7 millóns de persoas que cada ano
recargan o seu teléfono móbil ou mercan produtos
prepago na rede de 15.000 establecementos Disashop en España”.
Formar parte deste programa é moi doado, engade a firma.
Unicamente é preciso realizar unha recarga de móbil nun
establecemento da dita cadea e rexistrarse na web unpuntazo.com.
Con cada recarga, os
usuarios obterán puntazos que poderán trocar na dita páxina
por agasallos directos e boletos para sorteos de grandes premios: un
coche, un soldo dun ano, viaxes, cartóns Visa con 100 euros de
saldo, recargas de móbil, etc. “Cantas máis recargas, máis
puntazos”, informa a empresa galega.
Amais do devandito, a
campaña ten un factor interesante que cómpre termos en conta nestes
tempos que corren: o factor aforro. Segundo explica Disashop, “os
usuarios de recargas de móbiles e puntos de venda Disashop poderán
mercar produtos na tenda online www.disashoponline.com empregando os puntos amoreados para obter
o mellor prezo”.
Sobre
Disashop
Disashop está hoxe en
día á cabeza do mercado español de distribución de produtos
electrónicos prepago. Conta cunha rede comercial de máis de 20.000
puntos de venda en catro países: España, Estados Unidos, Perú e
República Dominicana. Disashop opera ademais con algunhas das principais
compañías de telecomunicacións e medios de pago electrónicos do
mundo, ofrecendo servizos tanto a particulares como a empresas.
Actualmente Disashop xestiona 500.000 transaccións diarias e en 2012
acadou un volume de máis de 300 millóns de euros en vendas. Entre
os servizos a particulares que ofrece están os seguintes: recargas a
teléfonos móbiles nacionais e internacionais, venda de tarxetas
telefónicas internacionais, medios de pago e pago de facturas.