A galega Edisa pon a disposición a Politécnica de Catalunya as súas aplicacións empresariais
mércores, 30 de novembro do 2011
A empresa galega Edisa, con sedes en Vigo e en Ourense (Tecnópole)
e tamén nas principais cidades de España, vén de anunciar unha importante
novidade relativa ao espallamento do seu radio de acción. Máis polo miúdo,
trátase dun acordo coa Facultat d’’ Informàtica da Universitat Politècnica de
Catalunya (FIB-UPC) para posibilitar o uso e implantación do software de xestión
Libra como soporte na achega das seguintes materias: sistemas de información
para os negocios e negocio electrónico (pertencentes ao curso de Grao en
Enxeñaría Informática). O papel de Edisa céntrase non só en ceder as licenzas
senón tamén en participar no deseño dos casos prácticos que se empregarán
durante a impartición destes contidos.
Asemade, a empresa galega fornecerá ao
devandito centro do soporte que os profesores encargados das devanditas
materias poidan precisar.
Edisa, compañía centrada en aplicacións
tecnolóxicas de xestión empresarial, informa na súa web que a través de
iniciativas coma esta ponse de manifesto que a colaboración entre as empresas e
as universidades en iniciativas de I+D non só é unha realidade nas aulas, senón
que ofrece múltiples beneficios para tódolos implicados. O obxectivo desta
achega concreta de tecnoloxía á UPC é dotar ao alumnado dos coñecementos e das
habilidades necesarias no manexo dos sistemas actuais de xestión corporativa, o
que constitúe unha meirande sintonía entre o currículo formativo dos estudantes
e as demandas concretas das empresas, que basean as súas metodoloxías en
sistemas ERP e CRM.
A día de hoxe, Libra atópase implantando
nunhas cincocentas firmas pertencentes a 50 sectores do
máis variado, o que significa que a empresa galega ten entre mans unha
experiencia ben ampla de coñecemento e materialización para a posta en marcha
de casos prácticos que se adapten ás necesidades do mercado empresarial do noso
tempo. Libra é un conxunto de ferramentas dirixidas a achegarlles ás empresas a
máxima funcionalidade a tódolos niveis. Segundo informa Edisa, con esta serie
de aplicacións as empresas poderán obter as vantaxes que achega un produto estándar
e integrado, “sen perder a capacidade de
adaptación ás necesidades específicas da empresa”. Algunhas das súas funcións
son as seguintes:
·CRM: xestión da relación cos
clientes.
· BPM: xestión de procesos.
· BI: business intelligence.
· Mobilidade: traballo en
liña dende dispositivos portátiles.
· Comercio en rede:
portais web e comercio electrónico.
