A galega Improving Metrics, socia dun ambicioso proxecto europeo sobre a Internet das Cousas, Brain-IoT
martes, 17 de abril do 2018
>A
firma galega Improving
Metrics, con sede na Coruña e centrada en achegar servizos
integrais de analítica e de estratexia dixital (servizos para a
recollida, procesamento, explotación e análise de datos sobre o
comportamento dos usuarios nos ámbitos dixitais), está a participar
nun avanzado proxecto europeo para impulsar, en múltiples aspectos
da nosa vida cotiá, as tecnoloxías da Internet das Cousas (IoT
polas súas siglas en inglés). Estamos
a falar do proxecto Brain-IoT. A iniciativa de H2020, financiada
con 5 millóns de euros, ten como obxectivo a colaboración entre
plataformas heteroxéneas de obxectos conectados e establecer unha
metodoloxía que soporte comportamentos intelixentes, tanto
cooperativos como autónomos.
Detrás
de Brain-IoT atópase un consorcio europeo formado por unha ducia de
socios de España, Francia, Alemaña, Italia e Reino Unido. A empresa
galega Improving Metrics participa na investigación e no
desenvolvemento dos elementos de Intelixencia Artificial e analítica
de datos do proxecto, ademais de encargarse da dirección de calidade
do mesmo. Segundo nos contan fontes da firma coruñesa, o obxectivo
de Brain-IoT é “fornecer dunha contorna de cooperación entre
diferentes plataformas de IoT e establecer un marco de referencia e
unha metodoloxía que permita o comportamento intelixente, tanto
autónomo como colaborativo”. A intención, polo tanto, é “ofrecer
ferramentas que permitan a toma de decisións baseada en datos de
forma autónoma e segura”.
Os
escenarios propostos como demostradores nos traballos a realizar son
a robótica e a xestión de infraestruturas críticas, “aínda que
tamén haberá máis liñas de acción asociadas a outros proxectos
europeos, sinalan dende Improving Metrics, engadido que para
desenvolver Brain-IoT os socios contan con 5 millóns de euros do
Programa Marco de Investigación e Innovación da Unión Europea,
Horizonte 2020, un programa que financia proxectos en áreas
estratéxicas a nivel europeo.
Máis
en detalle, a iniciativa está coordinada polo Instituto Superior
Mario Boella (ISMB) de Italia e inclúe tres empresas españolas,
Improving Metrics, Emalcsa e Robotnik que colaboran man a man con
multinacionais como Siemens, Airbus e STMicroelectronics e con
centros de investigación como o Comisariado para a Enerxía Atómica
e as Enerxías Alternativas (CEA) e a Universidade de Grenoble Alpes,
a Eclipse Foundation e o Instituto Audiovisual e de Telecomunicacións
de Europa (IDATE).
Como
lembraremos, Improving Metrics é unha empresa tecnolóxica
especializada en analítica de datos, intelixencia artificial,
desenvolvemento e optimización de estratexias de negocio dixital.
Entre os seus clientes conta con multinacionais de diversos sectores,
como o farmacéutico, a banca, a venda ao por maior ou os seguros.
Grazas á análise de datos e ao desenvolvemento de produtos propios,
Improving Metrics consegue que os seus clientes obteñan o máximo
retorno da información que manexan.