A galega Scio IT revoluciona o mantemento de instalacións inaccesíbeis coa tecnoloxía SAMLA

xoves, 17 de novembro do 2016 Fernando Sarasketa

A empresa tecnolóxica galega Scio IT, da que falamos en Código Cero para salientar a súa participación no proxecto de pesca e navegación intelixente Smarnet, vén de desenvolver unha tecnoloxía directamente encamiñada a velar a distancia polo po funcionamento das instalacións e equipamentos dunha empresa ou entidade. Trátase de SAMLA, plataforma para o mantemento e solución de incidencias que, entre outras moitas cousas, capacita a un operario que estea realizando labores de mantemento recibir soporte en tempo real por parte dun especialista remoto, “exactamente coma se este se atopase fisicamente ao seu carón”. A ferramenta achega un amplo potencial de versatilidade e pode ter aplicación en múltiples empresas, sectores e ámbitos de traballo. O nexo común de todos eles é que conten con instalacións remotas e/ou de acceso complicado.
Segundo lembran dende Scio IT, dispoñermos deste tipo de infraestruturas na nosa organización obríganos a buscar solucións ao seguinte problema: como simplificar, abaratar e facer máis eficientes operacións de diagnóstico, reparación ou mantemento destes equipamentos, tendo en conta que na meirande parte dos casos será preciso o desprazamento de técnicos especializados? SAMLA, informa a empresa, é a resposta á devandita pregunta.
A tecnoloxía en cuestión integra tecnoloxías de comunicacións, vídeo, trebellos carrexábeis coma prendas (weareables), computación na nube e software de xestión. Trátase, máis en detalle, dun conxunto de dispositivos integrados que serven para xerar, de maneira simple, unha contorna de traballo cunha rede mallada de comunicación que permite o emprego da tecnoloxía de telepresenza en escenarios industriais, até o de agora inaccesíbeis.
A actuación realizada de SAMLA artéllase a partir dos seguintes pasos: primeiro, rexistro da incidencia en SAMLA (o xestor recibe o aviso de avaría); segundo, o xestor asigna a un especialista á incidencia e programa unha cita para a actuación (neste intre xérase un aviso automático para o operario e o especialista); terceiro, o operario desprega a rede e dispón as cámaras e sensores na zona de actuación; cuarto, á hora programada lévase a cabo a intervención dispoñendo do apoio do especialista remoto; quinto unha vez resolta a incidencia o operario e o especialista dan por rematado o traballo. A maiores, a tecnoloxía inclúe unha función para permitirlle ao xestor pechar a xeira de traballo, catalogándose os labores realizados e “alimentando” a base de datos coa información relevante das tarefas levadas a cabo.
Segundo salienta Scio IT, o sistema tamén destaca polo seu carácter funcional (todos os elementos precisos para contactar co técnico de soporte remoto inclúense nunha maleta portátil que serve de estación de recarga e pasarela de comunicación cara aos servidores de SAMLA) e pola súa sinxeleza (o operario desprega unha serie de cámaras e sensores que permiten ao técnico de soporte remoto avaliar, diagnosticar e guiar a reparación).

PUBLICIDADE