A industria audiovisual reacciona ás vulneracións de copyright de Seedance 2.0

luns, 16 de febreiro do 2026 Marcus Fernández

As capacidades do modelo Seedance 2.0 para recrear secuencias cinematográficas con facilidade provocou unha grande preocupación por parte da industria audiovisual, que está a reaccionar con virulencia, co sindicato SAG-AFTRA manifestándose contra as flagrantes infraccións de Bytedance (que consideran un uso irresponsable da IA, rachando principios básicos tanto legais como éticos) e a Walt Disney Company remitindo a ByteDance unha solicitude de cese e desistencia.
Tamén a patronal do sector, a MPAA, solicitou o cesamento por parte de ByteDance da actividade infractora, que consideran que con Seedance 2.0 está a realizar un «uso non autorizado de traballos estadounidenses protexidos polo copyright a unha escala masiva».
Incluso no Xapón, conscientes do peso que ten a súa industria da animación, a ministra responsable da estratexia de IA, Kimi Onoda, anunciou que ían iniciar unha investigación sobre as infraccións dos dereitos de autor por parte de ByteDance con Seedance 2.0. Dende o Goberno do Xapón xa emprenderan medidas semellante contra Sora 2, o modelo de vídeo de OpenIA, que tamén facilitaba a vulneración do copyright de obras audiovisuais nipoas.
Dende ByteDance, pola súa banda, están a responder ás queixas comprometéndose a mellorar as salvagardas de Seedance 2.0 para evitar o uso non autorizado de material protexido polo copyright e os dereitos de imaxe de persoas, aínda que polo momento non parece que teñan tomado medidas realmente efectivas, xa que continúan a proliferar os vídeos que vulneran o copyright.