A investigadora galega Verónica Bolón recibe o Premio Dona TIC 2020 na categoría revelación

martes, 20 de outubro do 2020 Sonia Pena

Verónica Bolón, investigadora do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (CITIC), vén de ser galardoada cun premio Dona TIC, que outorga a Consellería de Políticas Dixitais e Administración Pública da Generalitat de Cataluña ao abeiro do plan do mesmo nome, destinado a visualizar as importantes contribucións das mulleres no eido tecnolóxico-dixital. En concreto, a investigadora galega recibiu o premio na categoría revelación polo seu traballo.
Estes galardóns recoñecen o talento e a afouteza emprendedora de oito mulleres tecnólogas procedentes de diversos ámbitos, como son o empresarial, profesional, académico e iniciativas sociais. A maiores, tamén teñen a finalidade de espertar vocacións, ofrecendo referentes a nenas e mulleres nas disciplinas STEM e a asumir posicións de liderado no sector. As oito galardoadas nesta sexta edición foron seleccionadas entre 85 candidaturas.
Verónica Bolón é doutora en Informática pola UDC, secretaria da Asociación Española para a Intelixencia Artificial (AEPIA) e está comprometida co fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre as nenas, coordinando o nodo do proxecto Inspira STEAM en A Coruña. A investigadora, como lembraremos, ingresou recentemente na Academia Joven de España.
O acto de entrega celebrouse o martes 13 de outubro, como conmemoración do Día de Ada Lovelace, unha celebración internacional dedicada aos logros das mulleres en áreas STEM e que ten lugar cada ano o segundo martes de outubro.

PUBLICIDADE