Verónica Bolón, profesora da FIC e investigadora do CITIC, ingresa na Academia Joven de España

mércores, 3 de xuño do 2020 Fernando Sarasketa

A Universidade da Coruña segue a recibir recoñecementos ao seu labor TIC, tanto en materia de investigación como de desenvolvemento, calidade na docencia e transferencia tecnolóxica. Se os días pasados falamos dos Premios Nacionais de Informática acabados de recibir, hoxe é a quenda de lembrar o importante recoñecemento recibido pola profesora Verónica Bolón, da Facultade de Informática da UDC, que vén de ser elixida nova académica de número da Academia Joven de España. Bolón tamén é investigadora do Centro de Investigación TIC, o CITIC.
No proceso de selección participou un prestixioso comité internacional formado por investigadores procedentes de diversos eidos do coñecemento. A esta convocatoria presentáronse 185 candidaturas, elixindo só o 7% das solicitudes.
Os novos académicos de número da Academia Joven de España son: Cristina Blanco Sío-López, Verónica Bolón Canedo (UDC), Jesús Campos Manzano, Rubén Darío Costa Riquelme, Ana María Díez Pascual, Fernando López Gallego, María Martínez Valladares, María Moros Caballero, Idoia Murga Castro, Jonatan Ruiz Ruiz, Samuel Sánchez Ordoñez, Antonio Verdejo García e Víctor Vilarrasa Riaño.
A UDC lembra que no devandito grupo atópanse seis receptores das prestixiosas axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC-Starting Grant e Consolidator), o último galardoado co Premio Princesa de Girona e varios investigadores do Programa Ramón y Cajal. En total, os trece novos membros da Academia Joven de España son autores de máis de 1.000 artigos científicos.
Verónica Bolón Canedo
Verónica Bolón Canedo é Enxeñeira Informática (2009) e Doutora en Informática (2014) pola Universidade da Coruña (UDC). Despois dunha estancia postdoutoral na Universidade de Manchester (Reino Unido) en 2015, actualmente é profesora axudante doutora no Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da UDC e investigadora no Centro de Investigación TIC (CITIC). A súa tese de doutoramento, sobre métodos de aprendizaxe automática, recibiu varios premios por parte da Asociación Española para a Intelixencia Artificial, así como o premio extraordinario de doutoramento da UDC.
Actualmente traballa en temas de investigación relacionados con varias áreas da Intelixencia Artificial, especialmente en Aprendizaxe Máquina para Big Data, colaborando con grupos de investigación nacionais e internacionais. É autora de dous libros, varios capítulos de libro, un libro editado, e máis de 80 artigos en congresos internacionais e revistas de alto impacto (dúas das súas publicacións son Highly Cited Papers). En 2018 recibiu unha Bolsa Leonardo da Fundación BBVA para o seu proxecto de investigación Cando o tamaño importa: Selección de características para wearables. Desde 2018 é Secretaria da Asociación Española para a Intelixencia Artificial. Está moi comprometida co fomento da vocación científico-tecnolóxica entre as nenas, participando en actividades de divulgación e coordinando o nodo da Coruña do proxecto Inspira STEAM.

PUBLICIDADE