A lingua galega tamén ten o seu espazo en TikTok

xoves, 8 de maio do 2025 Redacción

TikTok asegura estar a celebrar o Día das Letras Galegas 2025 destacando o crecente protagonismo do galego na súa plataforma, especialmente no seu coñecido feed Para Ti. Segundo sinalan, a dedicación deste ano ao cancioneiro popular galego e á transmisión oral do patrimonio cultural encaixa «perfectamente coa comunidade de TikTok», onde milleiros de persoas comparten aspectos das súas culturas para que outros as coñezan e valoren.
A plataforma salienta que vídeos relacionados coa historia da emigración galega ou recomendacións de lectura en lingua galega están a chegar a unha audiencia global de máis de mil millóns de persoas, grazas a cancelos como #galego (con máis de 43 mil publicacións) e #galegosnotiktok (con máis de 32 mil).

Unha oportunidade para o pequeno comercio galego

Ademais da vertente cultural, TikTok subliña o seu papel como ferramenta útil para as pequenas e medianas empresas galegas que desexan ampliar a súa presenza dixital. En España, a plataforma conta con 21,9 millóns de usuarios e, segundo un estudo de InSites Consulting, o 70 % dos usuarios sente que os produtos das pemes son máis persoais, mentres que un 61 % considera que son máis axeitados como agasallo para ocasións especiais.
Como exemplo galego, destacan o caso da Libraría Clarión, unha libraría situada en Carballo e rexida por Eva, quen leva máis dun ano compartindo recomendacións de libros en galego e o seu día a día na plataforma, interactuando coa comunidade. Segundo explica, dende o verán de 2024, dúas ou tres persoas que ven o perfil cada día encárganlle produtos ou visitan a libraría por referencias vistas en TikTok. Incluso recibe visitas de lugares afastados de Galicia e doutros puntos de España.
Para conmemorar o Día das Letras Galegas, a libraría recomenda Cantareiras, un libro do historiador Xosé Manuel Varela e da súa filla Icía Varela, pandereteira e cantante. Eva destaca que se trata dun «traballo moi ameno pero detallado sobre as cantareiras tradicionais da nosa rexión», que considera axeitado tanto para esta celebración como para calquera momento do ano.