A nova edición da gala aRi[t]mar concederá o premio especial a Ponte... nas ondas!
luns, 12 de decembro do 2022
Este
luns
12 de decembro presentáronse os detalles da gala aRi[t]mar de música
e poesía galego-portuguesas, que chega á súa sétima edición
este xoves 15 no Teatro Principal de Santiago xuntando unha parte das
persoas e entidades recoñecidas nesta convocatoria. Na presentación,
celebrada no Centro Internacional de Prensa de Galicia, participaron
os representantes das entidades impulsoras do certame: o Concello de
Santiago, a Deputación da Coruña, o Agrupamento de Cooperación
Transfronteriza Galiza-Norte de Portugal e a Escola Oficial de
Idiomas de Santiago. Tamén interveu Valentín García, responsábel
da Secretaría Xeral de Política Lingüística, institución
autonómica colaboradora de aRi[t]mar.
García
destacou un ano máis a “importancia de aRi[t]mar como festival de
actualidade para a música e poesía galegas e portuguesas, o que
atrae a moita mocidade”. Ademais, quixo facer unha “mención
especial este ano para o colectivo Ponte... nas ondas!”, que xusto
acaba de ser recoñecido pola UNESCO no Rexistro de Boas Prácticas.
Na
cerimonia, que chega á súa sétima edición, as poetas Lúa
Mosquetera e Wilma Vieira recollerán os seus galardóns por teren
producido o mellor da poesía en Galicia e Portugal durante este ano
polas súas pezas Anorak de pel de Caribú e E se eu fosse
eu?, respectivamente. Pola súa parte, a fadista Ana Moura e o
cantante galego Xisco Feijóo, son os gañadores no apartado musical
polos temas Andorinhas e Peixe.
O
proxecto cultural Ponte... nas
ondas! recibirá, pola súa banda, o premio especial do xurado á
embaixada da amizade galego-lusófona polo seu “quefacer a prol do
achegamento entre as culturas das dúas beiras do Miño”.
A
gala estará conducida por dúas facianas coñecidas do mundo do
espectáculo: Fran Rei e Isabel Risco. Ademais, contará coas
actuacións en directo da artista setubalense A garota não e da
galega Catuxa Salom, mentres que Mosquetera e Vieira porán a nota
poética ao evento.
As
persoas interesadas en asistir poderán recoller de balde as entradas
a partir de mañá ás 11,00 h na web
de Compostela Cultura. Tamén poderán retirarse no despacho de
billetes da Zona C. Punto de Información Cultural (rúa do
Preguntoiro, 1) e do Teatro Principal, aberto este último o mesmo
día do evento ata unha hora antes do comezo do mesmo
aRi[t]mar
galiza e portugal é un proxecto didáctico-cultural, desenvolvido
inicialmente pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de
Compostela, dependente da Consellería de Cultura, Educación, FP e
Universidades da Xunta de Galicia. Ten por obxectivo divulgar a
música e a poesía galego-portuguesas actuais e achegármonos á súa
cultura e á súa lingua, no marco do desenvolvemento da Lei Valentín
Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos
coa lusofonía.
Vertente
tecnolóxica
Este
pasado novembro o proxecto aRi[t]mar estivo de plena actualidade
tecnolóxica coa presentación do sitio play.aritmar.com,
unha nova web para impulsar na mocidade a creación musical e poética
galego-portuguesa e unha ferramenta para axudar a achegar a creación
actual en galego á mocidade “a través dun medio no que esta se
move con soltura, que é Internet”, explicou
na presentación da ferramenta Valentín García.
A
pltaforma en liña aglutina músicas e poesías dos diferentes
artistas que resultaron gañadores ou optaron aos diferentes premios
dentro de cada categoría nalgunha das edicións do aRi[t]mar,
vixente desde 2016. En total, o servizo conta con máis dun cento de
cancións e poesías de autores e autoras como Guadi Galego, Sés,
Salvador Sobral, Ana Moura, Manuel Rivas, Lupe Gómez, Ana Luisa
Amaral ou Nuno Júdice, entre moitos outros.
Os contidos son
accesíbeis a través de vídeos musicais e vídeo-poemas,
principalmente. Porén, a
aplicación web tamén conta con versións escritas das poesías,
así como das letras das cancións, e máis con material que tenta
enriquecer a experiencia de uso.