Play.aRi[t]mar dá impulso á creación musical e poética da mocidade galego-portuguesa
xoves, 10 de novembro do 2022
Este
mércores 9 de novembro presentouse
en Santiago, no Pazo de San Roque, unha nova web para impulsar na
mocidade a creación musical e poética galego-portuguesa.
Trátase dun proxecto impulsado pola Escola Oficial de Idiomas de
Santiago que conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O
responsábel deste departamento, Valentín García, participou
presentación da web e indicou que esta ferramenta axuda a achegar a
creación actual en galego á mocidade “a través dun medio no que
esta se move con soltura, que é Internet” e sinalou que a xente
que visite o sitio play.aritmar.com “comprenderá que pode atopar
na lingua propia de Galicia o estilo de música ou de poesía que lle
gusta, sexa cal for, porque temos moita variedade”.
Canda
o secretario xeral de Política Lingüística tamén participaron no
acto Gonzalo Constenla, director da Escola Oficial de Idiomas de
Santiago de Compostela; Daniel Martín, deseñador da plataforma;
Vítor Bello, representante de Nordesía, empresa produtora de
aRi[t]mar, e a cantante Uxía, madriña do certame.
Segundo
fixeron saber, esta plataforma en liña aglutina músicas e poesías
dos diferentes artistas que resultaron gañadores ou optaron aos
diferentes premios dentro de cada categoría nalgunha das edicións
do aRi[t]mar, vixente desde 2016. En total, o servizo conta con máis
dun cento de cancións e poesías de autores e autoras como Guadi
Galego, Sés, Salvador Sobral, Ana Moura, Manuel Rivas, Lupe Gómez,
Ana Luisa Amaral ou Nuno Júdice, entre moitos outros.
Os
contidos son accesíbeis a través de vídeos musicais e
vídeo-poemas, principalmente. Porén, a aplicación web tamén conta
con versións escritas das poesías, así como das letras das
cancións, e mais con material que tenta enriquecer a experiencia de
uso. Ademais, explicaron na presentación, “as persoas usuarias
poden acceder a todos os materiais a través dun navegador calquera
desde o dispositivo que desexen, pois a visualización é moi
semellante á dunha app, aínda que coas vantaxes e
flexibilidade propias dunha versión web”.
Premios
da música e poesía galego-portuguesa
aRi[t]mar
é un proxecto didáctico e cultural que busca afianzar os vínculos
lingüísticos e culturais entre ámbalas beiras da raia, divulgando
a música e a poesía galego-portuguesa actuais. Conta co patrocinio
da Xunta, da Deputación da Coruña, do Concello de Santiago, do
Instituto Camões e da Agrupación Europea de Cooperación
Territorial Galicia-Norte de Portugal. Ademais, tamén colaboran
neste proxecto a Facultade de Filoloxía da USC, o Conservatorio
Profesional de Música de Santiago de Compostela, as Escolas Oficiais
de Lugo e Pontevedra, o Centro Cultural Português de Vigo-Instituto
Camões e os centros do Ensino Português a través de Camões na
Galiza.