A nova xornada TurisTIC converterá a provincia de Pontevedra no epicentro do turismo smart

venres, 8 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

O vindeiro 10 de abril vaise falar en Vigo de tecnoloxías ao servizo do turismo, da promoción no mundo dos nosos moitos atractivos, de mercadotecnia do noso e dos xeitos de conseguir que quen veña recunque (fidelización) e contribúa a traer máis visitantes. Estamos a falar da segunda edición da Xornada TurisTIC O Turismo Intelixente, que será o 10 de abril no museo Verbum de Vigo, logo da primeira convocatoria celebrada o ano pasado no Castelo de Soutomaior. A cita vén da man, novamente, da Deputación de Pontevedra. Segundo fixo saber onte a súa presidenta, Carmela Silva, “seguimos avanzando para converter a provincia de Pontevedra nun destino turístico intelixente”.
Silva engadiu que a xornada será “un gran evento no que o obxectivo será promover a colaboración e o intercambio de boas prácticas entre empresas do sector turístico, empresas tecnolóxicas e institucións públicas do noroeste peninsular”. Asemade, engadiu que para participar neste foro o prazo xa está aberto (até completar aforo) é só é preciso cubrir o formulario dispoñíbel na páxina web de SmartPEME.
A cita, que se vai artellar en base a relatorios e mesas redondas, achegará un contexto para avaliar colectivamente as oportunidades e os desafíos para o sector turístico e a xestión de destinos intelixentes. Vanse desenvolver tres mesas redondas: A gobernanza nos destinos turísticos intelixentes, A innovación aplicada á comercialización turística e A tecnoloxía. Presente e futuro do sector". Nos relatorios abordarase a colaboración público-privada nos destinos turísticos intelixentes e a importancia dos datos para a xestión do destino, haberá un espazo para a exposición de exemplos de turismo intelixente na provincia de Pontevedra e achegarase unha presentación de solucións innovadoras.
A presidenta provincial tamén adiantou que ao abeiro do foro desenvolveranse dúas iniciativas “moi relevantes de apoio ao tecido empresarial e á modernización do sector turístico”. Trátase, por unha banda, do primeiro Desafío DESTinno e, pola outra, do Centro de Demostración de Solucións Tecnolóxicas. A primeira actividade, en colaboración con Zona Franca de Vigo, é “un hackaton para desenvolver solucións innovadoras con ferramentas de creacións de aplicacións", expuxo Silva, quen engadiu que a proposta gañadora recibirá 3.000 euros en metálico, entre outros galardóns. O Desafío DESTinno busca aproveitar o talento da provincia para crear solucións innovadoras relacionadas cos eixos dos destinos turísticos intelixentes (goberno, innovación, tecnoloxía, accesibilidade e sustentabilidade). O desafío consiste en crear unha solución innovadora empregando ferramentas de creación de aplicacións.
O foro, como dixemos, tamén terá un Centro de Demostración de Solucións Tecnolóxicas. En colaboración co Clúster do Turismo de Galicia e co Clúster TIC Galicia, 15 proxectos que hibridan turismo e tecnoloxía porán en valor “o noso talento emprendedor", destacou a presidenta da Deputación, que engadiu que “será un escaparate único no que mostrar proxectos que combinen o mundo tecnolóxico e o turístico”. Poderán participar nesta iniciativa un máximo de 15 propostas, que deste xeito poderán presentar e interactuar nunha sala con máis de 150 persoas especializadas do sector.

PUBLICIDADE