A novela interactiva Ti Primeiro xa superou as 10.000 descargas
xoves, 9 de setembro do 2021
A
novela visual e
interactiva Ti Primeiro xa supera as 10.000 descargas
desde
o seu lanzamento internacional hai un mes, con feitura de
aplicación móbil para iOS e Android e en seis idiomas (incluído o
galego). Ademais de en España, os usuarios de países como Italia,
Brasil ou India xa probaron esta ferramenta-novela, coa que o usuario
pode escoller o camiño das súas protagonistas. Está escrita,
dirixida, producida e protagonizada polo galego Roberto Alvite
(fundador da produtora da nosa terra Melgo Cinema) e conta coa
colaboración da Deputación da Coruña, a participación de CREA SGR
e o financiamento de Triodos Bank.
“Con
Ti Primeiro”, explica
Alvite, “xa chegamos a miles de usuarios de recunchos
inimaxinábeis. Creo no valor da diversidade e por iso desde o cine,
a literatura e os videoxogos quixemos traballar tendo esas realidades
moi presentes. Alégrame comprobar que un proxecto tan arriscado coma
este pode ter impacto positivo entre un público do máis diverso a
nivel internacional”.
A
través da aplicación, os usuarios teñen a oportunidade de se
introducir na intimidade dunha parella e elixir o camiño das súas
dúas protagonistas que, tras meses de convivencia, deciden dar un
paso máis e ter unha relación aberta.
“As
nosas vidas están marcadas polas etapas que imos superando, ben
froito da madurez ou das experiencias vitais”, continúa Alvite,
engadindo que “o xénero romántico permítenos emocionarnos xunto
ás personaxes e, axudados pola narración interactiva, o usuario fai
propios os éxitos e fracasos desta parella”.
A
descarga do primeiro capítulo é gratuíta mentres que o prezo
conxunto dos dous capítulos restantes que completan a experiencia
atópase en 4€.
Sinopse
Existe unha única forma correcta de amar? Álex e
Sebas están na cúspide da súa vida. Para eles todos os días
sobordan amor, sexo e simpatía o un polo outro. Cando a parella
decide abrir a súa relación, espera descubrir novos praceres á vez
que manter e fortalecer o seu proxecto de vida. Esta nova experiencia
axudaraos a descubrir outros xeitos de medrar e querer como persoas.
Lanzamento e filosofía de Ti
Primeiro
Os tres episodios que compoñen esta experiencia
innovadora protagonizada pola actriz Iris Darriba e Roberto Alvite,
xa están dispoñíbeis para iOS e Android en seis idiomas: galego,
español, inglés, francés, italiano e portugués de Brasil. Cada
episodio, de aproximadamente 60 minutos de duración, representa a
evolución dos personaxes ao longo dos anos. En datas vindeiras,
Melgo Cinema ten previsto introducir novos idiomas, plataformas e
públicos.
A contorna que serve de escenario a Ti Primeiro,
para a que se usaron máis de 400 fotos de emprazamentos reais, foi
rodada en localizacións da cidade da Coruña (Galicia) e os seus
arredores.
Patrocinios e colaboradores
O proxecto contou coa colaboración da Deputación
Provincial de Coruña, a participación de CREA SGR e o financiamento
de Triodos Bank.