
Encádrase no ciclo Avances da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación da Coruña, en colaboración do CITIC da UDC, o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE-USC), o Campus Industrial da Universidade da Coruña e o Concello da Coruña.
Este ciclo, coordinado polas catedráticas Minia Manteiga e Ana Ulla, celebrarase entre o 10 e o 13 de xuño e abordará temas fundamentais da ciencia actual, dende a orixe do cosmos ata a exploración espacial e a procura de vida extraterrestre.

Tralas intervención, haberá un debate, onde os asistentes poderán interactuar cos expertos, permitindo unha discusión enriquecedora sobre os principais avances e desafíos. De feito, este formato fomenta a participación activa e a reflexión crítica entre os participantes, facendo do ciclo Avances unha plataforma dinámica para o intercambio de coñecementos científicos.
As intervencións, ao detalle
A sesión comezará coa intervención de Benjamín Montesinos, investigador do Centro de Astrobiología do CSIC e presidente da Sociedad Española de Astronomía. Foi investigador no Departamento de Física da Universidade de Oxford, traballou no Departamento de Astronomía da Universidade de Rochester e dirixiu o Laboratorio de Astrofísica Espacial y Física Fundamental. Afondará nas características dos sistemas planetarios descubertos ata agora e as súas perspectivas de futuro.
Logo será a quenda da astrofísica boirense Isabel Rebollido, que traballa a día de hoxe no Centro Europeo de Astronomía Espacial (o ESAC, encargado das misións de astrofísica e da exploración do Sistema Solar da Axencia Espacial Europea, ESA) amais de formar parte da Comisión Mujer y Astronomía da Sociedad Española de Astronomía. A súa investigación céntrase nos chamados discos de escombro, discos de po e lixo que orbitan arredor de estrelas con sistemas planetarios maduros e que conteñen información relevante sobre como é o seu sistema planetario e a súa potencial capacidade para albergar vida. Isabel, falará sobre o que nos depara o futuro en relación á procura de vida máis aló do Sistema Solar. “A orixe da vida na Terra e a súa busca máis aló do noso planeta son interrogantes que a humanidade leva tentando resolver desde os seus inicios. As preguntas que outrora foran filosóficas convértense agora en investigación científica tanxible, grazas aos recentes avances tecnolóxicos”. Indica que o proceso de formación é clave para investigar a habitabilidade, xa que “a evolución dende o estado de nube molecular ata a distribución final está afectada por un gran número de parámetros e axentes externos como por exemplo a interacción con outras estrelas”.

Finalmente, os asistentes poderán manter un debate cos expertos participantes no encontro. Pódese participar de balde en todas as conferencias deste ciclo, de xeito presencial ou en liña, previa inscrición no espazo habilitado.
A procura da vida alén da Terra centra este mércores unha xornada no CITIC
Compartir Este Artigo

