A provincia de Ourense loce en FITUR os seus plans para ser turisticamente smart

venres, 25 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

A Deputación de Ourense elixiu a feira FITUR de Turismo como palestra principal para dar a coñecer o seu proxecto de turismo intelixente Hai un Ourense para ti, descúbreo, unha plataforma para facilitar e enriquecer a experiencia dos viaxeiros e favorecer a fidelidade e a captación de máis turistas. Segundo fixo saber en Madrid o presidente da entidade provincial galega, Manuel Baltar, trátase dunha iniciativa innovadora que “nos situará como referente turístico aproveitando os recursos das tecnoloxías máis vangardistas”. Os ingredientes son os seguintes: unha boa ración de ferramentas novas de comunicación e información e, por suposto, todo o tesouro patrimonial, natural, etnográfico e paisaxístico dos concellos.
A iniciativa abéirase ao proxecto Provincia Intelixente da Deputación (incluído no Plan Ourense 15-19), que ten entre outros obxectivos o seguinte: situar a provincia “no cumio da vangarda tecnolóxica en relación ás novas formas de xestionar os recursos turísticos”. Hai un Ourense para ti é, como dixemos, unha plataforma integral de turismo intelixente que busca ofrecer aos viaxeiros un portal web avanzado de información; unha aplicación móbil de turismo da provincia; un planificador de rutas baseadas nos gustos dos usuarios; sistemas de Realidade Virtual; solucións de Realidade Aumentada e, tamén, experiencias inmersivas 360º con fotografías e vídeo.
O proxecto foi aprobado na convocatoria de axudas de Destinos Turísticos Intelixentes de Red.es e suporá para a provincia de Ourense unha inxección económica de tres millóns de euros, co-financiados aos 60 % polo Estado.
O proxecto enmárcase na convocatoria de axudas de Destinos Turísticos Intelixentes de Red.es, na que se seleccionaron 24 iniciativas de 9 Comunidades Autónomas, cun montante económico total de 68,3 millóns de euros. Baltar salientou o traballo realizado por Fernando Suárez, director da Área de Transparencia da Deputación, para acadar a aprobación deste proxecto de vangarda tecnolóxica, “que sitúa a entidade provincial na punta de lanza da creatividade e da xestión da oferta turística, unha provincia como é a nosa, que destaca polas súas singularidades termais e naturais e na preparación de deportistas de alta competición, así como por unha riqueza monumental, etnográfica e paisaxística das máis importantes do mundo”.
Segundo engadiu, a iniciativa permitirá aos viaxeiros dispoñer dun acceso rápido, sinxelo e intuitivo de toda a información de interese dos principais recursos turísticos (liña Ourense ao teu alcance); de servizos personalizados baixo demanda (liña Sinte Ourense), e terán acceso a experiencias inmersivas (liña Ourense guíate).
Baltar tamén explicou que os aspectos clave do proxecto son a integración nun único punto de toda a información turística da provincia por medio do uso dun modelo tecnolóxico aberto (esquema Open Data) sobre a que se fomente “a participación, o diálogo e a colaboración entre os turistas a través das novas tecnoloxías e as canles dixitais”.
Tamén salientou o factor “interoperabilidade”, xa que a plataforma terá capacidade para recadar información de “diferentes fontes de datos”. Outro dos puntos fortes é a potenciación dos turismos accesíbel, activo, termal e cultural, ademais de fomentar o carácter innovador do sector turístico da provincia a través de solucións TIC punteiras como son: información a gran escala (Big Data), Realidade Aumentada, Realidade Virtual, portais web de potenciación e mercadotecnia dixital.

PUBLICIDADE