A rapazada do CHUF participou arreo nunha xornada de robótica impartida polo CPEIG
xoves, 19 de decembro do 2024
- Imaxe da xornada participativa publicada polo Diario de Ferrol
O CHUF, Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, acolleu este mércores 18 de novembro unha xornada de divulgación robótica impartida polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coa Consellería de Sanidade. No obradoiro tamén participaron o subdirector de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Área Sanitaria de Ferrol, Juan Manuel González Pérez, e o responsábel de Informática, Fernando Fernández Gómez.
A iniciativa encadrouse no proxecto do CPEIG destinado a achegar a tecnoloxía e a robótica aos hospitais galegos, ofrecendo unha experiencia educativa e motivadora ás crianzas hospitalizadas. Participan voluntarios de empresas tecnolóxicas como Bahía Software, H3C, Telefónica, HPE, Balidea, NTT Data, Minsait e DXC, así como a colexiados e colexiadas do CPEIG.
Na iniciativa tamén colabora o CITIC (Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña), que achegou ás persoas voluntarias formación sobre os elementos robóticos que protagonizan os obradoiros, xunto con varios membros do grupo TALIONIS do citado centro.
Este proxecto desenvolverase nas sete áreas hospitalarias de Galicia, reafirmando o compromiso de ambas entidades coa tecnoloxía como ferramenta de inclusión e apoio en contornas sensibles. A iniciativa xa tivo actividades previas, entre as que destaca unha xornada celebrada no mes de xullo no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), que contou coa presenza do Conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o subdirector de TI da entidade autonómica, Benigno Rosón, demostrando o respaldo institucional ao proxecto.