A rede SmartPEME da Deputación de Pontevedra ofrece en maio un completo programa de obradoiros
xoves, 3 de maio do 2018
SmartPEME,
a rede de formación e asesoramento TIC impulsada pola Deputación de
Pontevedra, vai
ofrecer este mes de maio nas súas diferentes sedes un completo feixe
actividades de capacitación tecnolóxica para os profesionais, os
traballadores, as PEME e os emprendedores locais. Segundo
informou este primeiro de mes a entidade provincial, estamos a falar
de 37 accións formativas sobre as máis variadas temáticas TIC. Os
obradoiros celebraranse nas sedes de SmartPEME en Cambados (Centro
Exposalnés), nos viveiros de empresas de Barro, Lalín e A Estrada e
nas oficinas de Vigo, Ponteareas e O Porriño. Afondarase nas redes
sociais, na seguridade informática, no deseño web ou no manexo de
programas informáticos, entre outros temas. Ás
37 actividades devanditas cómpre sumar as sete previstas para a sede
da Deputación en Pontevedra. En total, 44 accións formativas.
Todas
aquelas persoas interesadas en acudir a estes obradoiros, destinados
a persoas emprendedoras, autónomas e autónomos e ás PEME
da
provincia é de inscrición cen
por cen de balde,
poden apuntarse chamando ao teléfono 886 202 020, escribindo un
correo electrónico a info.smartpeme@depo.es ou a través da páxina
web www.smartpeme.depo.es.
Polo que
respecta a Ponteareas, acollerá os seguintes
obradoiros: Como ser eficiente na organización do teu tempo:
Trello e Toggl, o venres 4 ás 17:00 horas (o resto de accións
comezarán ás 19:00 horas). A seguinte será Aprende a crear
vídeos promocionais para o teu negocio, o día 9. A ela
seguiralle Mellora a calidade das túas imaxes con editores
online, día 14. A formación sobre Prestashop: Comeza a crear
a túa propia tenda online chegará en dúas quendas: a primeira,
o luns 21 e, a segunda, o 29. O 24 as persoas que se inscriban
poderán aprender sobre Google Calendar, moito máis que unha
axenda e, por último, Utiliza Instagram para promover e
vender os teus produtos será a acción que impartirá o persoal
do programa o día 31. A oficina de Ponteareas, no Centro de
Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, núm. 5.
A oficina de Porriño, pola súa banda, acubillará
os seguintes obradoiros: A túa páxina web con WordPress, o
día 2 ás 19:00 horas, ao igual que Marketing de contidos: Como
xerar unha estratexia efectiva o día 8. O día 10 será a quenda
da segunda parte de Prestashop: Xestión dunha tenda online,
ás 17:00 horas, despois de que a primeira parte tivese lugar o
pasado mes de abril. O luns 21 poderemos aprender Como utilizar
Instagram para promover a túa empresa, ás 19:00 horas, seguido
por Crea a visita virtual do teu establecemento o día 23 no
mesmo horario. O día 29 será a quenda de Pasarelas de pago para
o comercio electrónico, ás 19:00 horas e, finalmente, Aprende
e usa a tipografía axeitada para comunicarte o día 31, pero
nesta quenda ás 17:00 horas. A oficina SmartPEME do Porriño, no
Multicentro do concello, atópase na rúa Ribeira, s/n.
Nas dependencias de Vigo, os obradoiros comezan o
día 4 ás 17:00 horas con Seguridade informática: conceptos
básicos. A seguinte acción será Colabora co teu equipo dun
xeito máis sinxelo, o martes ás 8. Marketing de contidos:
Como xerar unha estratexia efectiva chegará a Vigo o día 10
tamén ás 19:00 horas, ao igual que o obradoiro de Fotografía de
produto especial para o sector téxtil, o día 21, segunda feira.
O día 23, cuarta feira, ás 17:00 horas comeza Como mellorar a
reputación online do teu establecemento turístico e os
obradoiros seguirán a semana seguinte con Utiliza Instagram para
promover e vender os teus produtos, o martes 29, e LinkedIn: a
túa rede de networking, nas dúas ocasións ás 19:00 horas. A
oficina de Vigo, na sede da Deputación da cidade, atópase na rúa
Oporto, núm. 3.
Polo que respecta ás oficinas da comarca do Deza,
Lalín acollerá o obradoiro Fotografía con smartphone: PIXLR
para Android e iOS o día 10 de maio, dando comezo ás 19:00
horas. Por outra banda, o punto SmartPEME da Estrada será o
escenario da acción formativa Woocommerce I - A solución para
vender por internet, o vindeiro 30 de maio á mesma hora. Sinalar
que a oficina de Lalín, no viveiro de empresas situado no Polígono
Lalín 2000, atópase na parcela E deste espazo. Pola súa banda, o
punto de información SmartPEME na Estrada atópase no viveiro de
empresas da vila e funciona as primeiras e últimas cuartas feiras
(mércores) de mes, entre as 10:00 e as 14:30 e entre as 16:00 e as
19:00 horas.
A oficina de Barro, pola súa banda, acollerá o
día 2 e o día 7 as dúas partes do obradoiro de Woocommerce - A
solución para vender por Internet. Outra acción
que se desenvolverá en dous módulos será a de CRM, o cliente
como centro da estratexia de negocio, os días 11 e 21. Na mesma
liña, o xoves 24 será a quenda de Smartdata, o CRM como aliado
para conquistar ao cliente, seguido por Como facturar
electronicamente o seguinte, luns día 28. Virtualización:
optimiza os teus recursos tecnolóxicos pechará a quenda de
accións formativas en Barro o mércores 30. A oficina SmartPEME de
Barro atópase no viveiro de empresas do polígono. Todos os
obradoiros do mes de maio en Barro comezarán ás 19:00 horas.
Polo que respecta á sede de Cambados, as quendas
son as seguintes: este 2 de maio ás 19:00 horas, Aprende a
promover a túa empresa con Pinterest. O 7 de maio,
tamén ás 19:00 horas, Edición de fotografía para plataformas
e-commerce. O día 10, á mesma hora, Prestashop I: Comeza a
crear a túa propia tenda online, ao que lle seguirá a segunda
parte, Prestashop II: Xestión dunha tenda online, o luns 21
ás 19:00 horas. O xoves desa mesma semana, o día 24, será a quenda
de Seguridade informática: conceptos básicos, pero esta vez
ás 17:00 horas, ao igual que Márketing dixital: clave para
competir nun mercado turístico global o día 28. Por último,
Crea un servizo privado de almacenamento na nube chegará o 31
de maio, nesta quenda á hora habitual, as 19:00 horas. A oficina
SmartPEME de Cambados no Centro ExpoSalnés, atópase no paseo da
Calzada, s/n.
Novidades deste ano ao abeiro de SmartPEME
A Deputación de Pontevedra lembra que o proxecto
SmartPEME comezou en 2018 afrontando unha nova etapa na súa andaina,
un novo treito no que o programa verá aumentados os servizos a
fornecer, abrindo tres novas grandes liñas como son o Centro
Provincial de Economía Dixital (CPED), que estará situado no
viveiro de empresas de Barro, SmartPEME Impulsa e TurisTIC, que se
irán facendo dispoñíbeis para as persoas autónomas e empresas a
partir dos vindeiros meses.
A través do Centro Provincial de Economía
Dixital vaise mostrar ás empresas as ferramentas, aplicacións e
solucións innovadoras máis relevantes que a economía dixital
ofrece. Para iso, o CPED apoiarase nas instalacións do FabLab que a
Deputación de Pontevedra ten instalado no viveiro de Barro.
Doutra banda, SmartPEME Impulsa abrirá novas vías
de asesoramento en materia de innovación, competitividade e
internacionalización, “unindo deste xeito os obxectivos das
empresas coas máis novas tecnoloxías, procesos e servizos”,
explica a Deputación, engadindo que TurisTIC, como indica o seu
nome, presentarase como “un punto de apoio tecnolóxico para o o
sector turístico”. Trátase dun servizo enmarcado no Plan
Estratéxico de Turismo Rías Baixas e que pretende potenciar o
sector a través de axudas ás empresas para adaptarse á contorna
dixital.
Datos
sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME
é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das
PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e
eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada
novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións
empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O
devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra,
Lalín, Ponteareas, Vigo, A
Estrada e (agora tamén) Barro,
abrangue seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos
con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das
empresas, eventos de networking
trimestrais coa participación de profesionais de prestixio,
colaboración con asociacións e promoción de alianzas
institucionais, especialización sectorial dos asesores en función
das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en
novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das
necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén,
impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.