A rede de posicionamento Galileo leva caída dende o venres

luns, 15 de xullo do 2019 Marcus Fernández

O sistema de posicionamento por satélite europeo, Galileo, padece un incidente técnico relativo á súa infraestrutura de terra, o que levou á interrupción o sistema de navegación de Galileo e aos servizo de sincronización horaria, ou sexa, que na práctica a rede de Galileo está inoperativa (coa excepción dos servizos de busca e rescate) con todos os seus satélites fóra de servizo (agás 2 que están en probas).
Esta alternativa europea ao GPS leva funcionando dende decembro de 2016, buscando evitar unha dependencia de infraestruturas de fóra de Europa, pero por fortuna os sistemas de localización que empregamos só fan uso da rede de Galileo como apoio, xa que o servizo leva inoperativo dende o pasado venres sen que dean unha explicación do acontecido nin realicen unha previsión de prazos para a súa restauración, o que está deixando a reputación desta iniciativa polo chan.

PUBLICIDADE