A reparación da pantalla do iPhone X custará 321,10 euros

luns, 30 de outubro do 2017 Marcus Fernández

O vindeiro venres algúns afortunados comezarán a gozar dun iPhone X por acudir cedo a unha Apple Store ou por ser dos primeiros en reservar o novo smartphone de Apple, e ante as dúbidas sobre se contratar un seguro ou mercar unha funda para protexer o novo trebello habería que advertir que Apple xa publicou os prezos de reparación do iPhone X en España, e son algo moi en conta ao facerse cun destes teléfonos.
De xeito xeral Apple ofrece poucas modalidades de reparacións do iPhone X, que consisten realmente en substituír o teléfono por outro en bo estado, cobrando o que custaría a reparación en si no caso de que o problema non estivese cuberto pola garantía, de xeito que un cambio de batería custaría 89 euros, un cambio de pantalla 321,10 euros e outros tipos de reparacións (normalmente complexas) custarían 611,10 euros.
O prezo de cambiar a batería sería o habitual en Apple, pero no caso das pantallas a partires do iPhone 6S o prezo de substituír a pantalla sería de 181,10 euros, mentres que nos modelos Plus sería de 201,10 euros, polo que o incremento de prezo de reparación do iPhone X é máis que notable, o que parece ser consecuencia non só da pantalla en si, senón tamén polo feito de que agora tamén integra máis sensores (para o Face ID).

PUBLICIDADE