A revolucionaria tecnoloxía galega ADESTRapp xa ten páxina de seu

martes, 5 de xaneiro do 2016 Redacción

A tecnoloxía ADESTRapp, da que falamos os días pasados en Código Cero salientando a súa orixe (vén da man da empresa galega Balidea) e os seus obxectivos (trátase dun produto para captación, transmisión e análise de vídeo aplicado a contornas de competición, adestramento e arbitraxe) xa ten páxina web de seu. Así nolo contan dende a firma Balidea, responsábel ela mesma do deseño do sitio específico. Nel, engaden, podemos atopar toda información precisa acerca desta tecnoloxía “pensada para tirar o máximo rendemento da actividade deportiva”.
A web achega varias seccións, entre as que se contra un apartado de características (onde temos descritas todas as funcionalidades e propiedades da ferramenta) e outro que fornece as diferentes versións dispoñíbeis de ADESTRapp (Footbal Match, Football Training, Golf Training, Judo Referee e Judo Training).
Outra das seccións abrangue unha relación de diversos casos de éxito de habilitación da ferramenta, como por exemplo nas contornas do Deportivo da Coruña, do Club Deportivo As Pontes ou do Judo Club Coruña, entidades que xa apostaron polo sistema e que amosaron a súa satisfacción coa experiencia.
Lembrar que ADESTRapp é unha tecnoloxía desenvolvida por Balidea como proxecto interno de Investigación e Desenvolvemento en colaboración co Departamento de Educación Física e Deportiva da Facultade de Ciencias do Deporte e Educación Física da Universidade da Coruña. Como recordaremos, o dispositivo ADESTRapp permítenos captar e analizar imaxes en tempo real, “adaptándose perfectamente a calquera movemento ou exercicio que queiramos estudar polo miúdo”, en palabras de Balidea, que engade que a tecnoloxía non precisa conexión eléctrica nin de Internet xa que xera a súa propia Wi-Fi. “E grazas a que ten o tamaño dun móbil pódese levar a calquera sitio”, conclúen.

PUBLICIDADE