A segunda edición de Galicia Open Future acubilla medio cento de proxectos innovadores das catro provincias

mércores, 7 de outubro do 2015 Fernando Sarasketa

A segunda edición de Galicia Open Future, o centro de crowdworking posto en marcha na Cidade da Cultura por Telefónica -en colaboración coa axencia autonómica AMTEGA-, está xa a pleno rendemento achegando formación e asesoramento a medio cento de proxectos innovadores das nosas catro provincias e máis do norte de Portugal. En concreto, trátase de 48 iniciativas, 20 da Coruña, 12 de Santiago, 7 de Vigo, 3 de Lugo, 3 de Ourense e outras 3 de Vilagarcía, Tui e norte de Portugal; iniciativas que, como lembraremos, atópanse en diferentes fases de desenvolvemento (hainas que son propostas e no outro extremo hai xa algúns comercializándose).
Ademais e malia contar cun substrato común (as TIC), abranguen sectores diversos: a madeira, a saúde, o motor, a agricultura, etc.
Galicia Open Future atópase arestora mergullada na súa segunda edición. Na primeira fase da mesma, os responsábeis dos proxectos elaborarán cadanseu plan de negocio. Para isto, recibirán asesoramento e adestramento dun completo elenco de especialistas procedentes de Telefónica e os seus centros de coworking e crowdworking, con amplos coñecementos en materias como a mercadotecnia, o comercio electrónico ou a busca de financiamento. Os emprendedores terán tamén ocasión de compartir experiencias con outros proxectos de todo o mundo involucrados no programa de innovación Open Future de Telefónica -no que se integra Galicia Open Future-, e que xunta novas empresas, investidores e entidades públicas e privadas de todo o mundo. Igualmente disporán dunha axuda de 2.000 euros achegada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN). Isto polo que respecta á primeira fase.
Pola provincia da Coruña, os proxectos que están a concorrer a día de hoxe na segunda edición de GOF son os seguintes: SMEV (solucións software e hardware para grandes eventos), Apparece (aplicación enfocada á busca de persoas ou cousas), Bare Wave Rider Buoy (boia para detectar a dirección das ondas no mar), E-monte (plataforma dirixida ao sector forestal e centrada na compravenda de madeira), Insulclock (desenvolvemento de dispositivos de última xeración para a administración de insulina e control da diabetes), Lagunal (creación de humedais), LexPrevia (plataforma web orientada á prestación de servizos xurídicos en liña e de baixo custe), MD IUS Inovation (modelado e simulación computacional de ciclodextrinas e os seus derivados para aforrar tempos e custes de investigación), Nubings (plataforma enfocada á xestión e control de casas intelixentes), Prefapp (creación dun servizo que automatice o proceso de despregue de aplicacións en calquera contorna, outorgando liberdade aos desenvolvedores para elixir e configurar diferentes stacks cos que traballar e poder independizar así as aplicacións do provedor no que se acubillan), Proxecto Wimbag (ferramenta para coñecer en todo intre e a través do móbil o estado e o lugar no que se atopa o envío dun paquete ou equipaxe), SetPay (TPV móbil que facilita a empresas e autónomos aceptar pagos con tarxeta en calquera intre e lugar) e S-REC (recomendador intelixente).
Pola provincia de Pontevedra, os proxectos son Refly (navegador integrado de APIS), Pekeagenda.com (axenda electrónica para escolas infantís que permite ás familias estar ao día de toda a información referente aos seus fillos), Evernight (rede social e ferramenta dirixida aos locais nocturnos dunha cidade que permite coñecer onde están os nosos amigos), KITeKAR (proxecto de mobilidade persoal), proxecto de Adrián Paramés González (trátase dunha aplicación con propostas para practicar deporte en espazos ao aire libre nos que previamente se situaron códigos QR con videos cifrados nos que se explica que exercicios se poden realizar e como levalos a cabo para evitar lesións), Forginx (plataforma de compras internacionais para profesionais da forxa libre), Rhinometrics (métricas de negocio para plataformas SAAS) e VoxelCraft (plataforma colaborativa para facer proxectos para a Internet das Cousas).
Por Lugo, as iniciativas son Keko Tukos (desenvolvemento de aplicacións móbiles para nenos), Muuusy (ferramenta móbil dirixida a facilitar o día as día das empresas do sector gandeiro e que permite xestionar dende datos de produción a realizar o seguimento do tratamento veterinario das reses) e Nudoss.com (plataforma especializada en cruceiros e na que os viaxeiros poden atopar todo tipo de datos, dende produtos a ofertas pasando por servizos, ou compartir experiencias con outros usuarios.
Pola provincia de Ourense, os proxectos son iBeeAgro (sistema de xestión integral baseado na agricultura de precisión e dirixido a optimizar a produción e asegurar a calidade e a eficiencia das explotacións agrícolas, xa que permite facer cousas como consultar o estado dos cultivos ou configurar alarmas, ou xerar e compartir na Rede modelos de predición), AutoFarm (desenvolvemento de sistemas de automatización industrial para os sectores gandeiro, agrícola e piscícola, e encamiñado á creación de granxas intelixentes) e Meigalabs (desenvolvemento de xogos e aplicacións móbiles).
Como dixemos, este ano incorpórase a Galicia Open Future unha achega portuguesa, concretamente LabFun by NorthWeb (actividades, experiencias científicas e xogos de realidade virtual aumentada, para nenas e nenos de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos).

PUBLICIDADE