A sétima edición dos premios Youtubeiras pon o foco no inclusivo e no diverso
xoves, 21 de setembro do 2023
Esta mañá presentouse a
sétima edición do certame Youtubeiras, proxecto organizado
polos servizos de Normalización Lingüística de nove concellos
(Rois, Rianxo, Santiago de Compostela, Carballo, Ames, Moaña,
Pontevedra, Ribadeo, Teo e O Grove), das tres universidades galegas e
da Deputación da Coruña. O obxectivo será novamente encher as
redes de contidos audiovisuais en galego, poñendo o foco no Youtube
e no talento da nosa mocidade. Desta volta farase especial fincapé
no inclusivo, de feito o lema deste ano é Rede aberta, Rede
diversa.
“Volve
Youtubeiras un ano máis e volven os seus premios nunha sétima
edición que continúa a afondar na súa consolidación”, adiantou
Demetrio Gómez Xunqueira, concelleiro de Normalización Lingüística
de Pontevedra, nunha rolda de prensa que se celebrou este xoves 21,
e na que estivo acompañado por Blas García, alcalde de Ames;
Victoria Quiroga, concelleira de Lingua do Concello de Rois; e Susana
Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria da Universidade de
Vigo. Neste senso, Gómez Xunqueira sinalou que “este é, polos
seus méritos e pola súa traxectoria, un certame de referencia para
a comunidade creadora de contidos dixitais na nosa lingua”.
A
senda da consolidación é un elemento que foi destacado ao longo das
diferentes intervencións para definir uns premios que, neste 2023,
se celebran como dixemos baixo o lema Rede aberta, Rede
diversa. “Debemos tomar conciencia de que é crucial que todos
e todas nos impliquemos na defensa da lingua galega, en especial a
Administración autonómica. É unha fantástica noticia que se poida
empregar o galego no Congreso”, sinalou Blas García, alcalde de
Ames, que tamén destacou a consolidación dos galardóns como
referente, explicando que o proxecto “serviu para dar acubillo a
esta comunidade creadora na nosa lingua, fomentar a súa actividade e
tamén a súa medra e expansión”.
Pola
súa banda, Victoria Quiroga aproveitou a súa intervención para
lembrar as categorías. “Este ano repítense as mesmas modalidades
e contías que en 2022. Cremos que é a estrutura máis acaída para
continuar a acompañar este ano a comunidade creadora de contidos na
lingua en YouTube, labor que a organización vén desenvolvendo con
éxito dende a posta en marcha de Youtubeiras en 2017”, sinalou a
concelleira de Rois, quen quixo valorizar o “importante” que
resulta sempre a colaboración institucional en proxectos de “fomento
da lingua” como é o caso de Youtubeiras.
O
xurado estará conformado por Nee Barros (@neeumatiko), divulgadore
cultural, escritore e youtubeire, quen se fixo co
galardón a Youtubeira/o na pasada edición; Fátima Souto Muñiz,
bolseira do Servizo de Normalización do Concello de Ames; Irene Pin,
creadora audiovisual; Rodri Míguez, xornalista musical e membro de
equipos de comunicación de festivais e artistas; e Belén Puime,
creadora de contido audiovisual a través do perfil @pringadas.serie
tanto en TikTok como en Instagram.
As
categorías este ano volven ser as seguintes: Canle, Youtubeira,
Youtubeira Revelación, Vídeo, Calidade Lingüística, Pioneiro,
Rede e o Premio do Público. Todos os apartados están dotados con
1.000 euros, agás o último ao que se destinan 500 euros. Os vídeos
que se presenten deberán estar subidos con data posterior ao 15 de
novembro do 2022. O prazo para presentarse iníciase este 22 de
setembro e manterase aberto ata o vindeiro 17 de novembro ás 23.59
horas. As persoas participantes deberán inscribirse a través da web
youtubeiras.gal.
Na
presentación Susana Reboreda centrou a súa intervención en achegar
as cifras que obtiveron os Premios Yotubeiras ao longo da súa
historia. “No ano 2017, correspondente á primeira edición,
rexistramos unha participación de 202 vídeos. Mentres, en 2020, a
cifra chegou a 536. A partir desa edición, procuramos fixarnos nas
canles. Así, en 2021, presentáronse 38 canles, pero xa en 2022 a
cifra chegou a 75”, resumiu Reboreda. A esta medra na participación
cómpre sumarlles outras melloras rexistradas. “Incrementouse, ano
a ano, a riqueza temática dos participantes e o seu nivel técnico”,
explicou a vicerreitora da Universidade de Vigo.
O
proxecto Youtubeiras virá novamente con obradoiros nos centros de
ensino dos concellos implicados. A creadora de contidos María Rúa,
coñecida pola canle PradoRúa, será unha das voces
encargadas de achegar ao alumnado a realidade do galego como
ferramenta de creación e, tamén, de visualización na Rede, a súa
experiencia como creadora audiovisual e as claves precisas tanto para
coñecer este mundo virtual como para sumarse a el.
Nesa
mesma liña de difusión, realizaranse colaboracións con creadoras
de contidos que se sumarán este ano ás campañas de difusión para
darlles a coñecer aos seus seguidores a comunidade de creadoras de
contidos en galego. Esta iniciativa de promoción desenvolverase en
plataformas e redes como Facebook, Instagram ou TikTok.
Na
rolda de prensa tamén estiveron representantes institucionais e
persoal técnico de Normalización Lingüísticas das diferentes
institucións organizadores. Dende Carballo acudiu a concelleira
Maruxa Cotelo, de Moaña asistiu a concelleira Dolores Chapela e por
parte de Santiago de Compostela, Pilar Lueiro. A concelleira María
Vázquez representou a Teo e Soledad Agra acudiu en nome da
Deputación da Coruña.