A tecnoloxía Tiivii de Cinfo esperta o interese da televisión xaponesa
luns, 13 de maio do 2019
- Paula Eiroa, de Marketing Cinfo, Andrea Funaro e Hirokazu Shimauchi, de TV Setouchi, Antonio Rodríguez, CEO de Cinfo, e Bernardo Riveira, COO de Cinfo
Cinfo,
compañía galega de sistemas intelixentes audiovisuais, vén de
esperar coas súas máis recentes contribucións o interese da
televisión xaponesa, máis
polo miúdo da cadea local TV Setouchi, que está a valorar a
implantación no seu seo da tecnoloxía smart de Cinfo para a
produción automática de vídeo na nube: a tecnoloxía Tiivii.
Os representantes da dita canle, a única estación da rede de TV
Tokyo Network que retransmite na rexión de Chugoku-Shikoku,
visitaron este luns 13 a sede de Cinfo no edificio do Centro de
Investigación TIC (CITIC) no Campus da Coruña.
O
obxectivo da estadía en Cinfo dos profesionais asiáticos foi
coñecer de preto o funcionamento de Tiivii e a súa posíbel
aplicación para a retransmisión en directo de partidos de béisbol,
fútbol americano e voleibol. No transcurso da xuntanza, o director
executivo (CEO) da firma galega, Antonio Rodríguez del Corral,
explicou aos responsábeis de contidos e solucións de negocio da TV
Setouchi, Andrea Funaro e Hirokazu Shimauchi, as vantaxes da solución
tecnolóxica de Cinfo, que, segundo incidiu Rodríguez del Corral,
“permite gravar, realizar e emitir en directo e de forma automática
encontros deportivos e eventos, sen necesidade de desprazar equipos
técnicos, a través da instalación dun sistema de múltiples
cámaras automatizadas con calidade 4K”.
Amais da actividade
de hoxe, durante o fin de semana pasada os directivos de TV Setouchi
tiveron a oportunidade de comprobar nalgunhas das instalacións
deportivas que xa están a traballar coa solución de Cinfo en
Galicia como funcionan as súas algoritmos intelixentes para realizar
o seguimento automático do xogo, escollendo en cada momento os
mellores planos.
A
empresa galega lembra que se trata da segunda vez que representantes
da cadea xaponesa visitan Cinfo, tras unha primeira toma de contacto
realizada en novembro, como parte dunha misión comercial inversa
organizada polo Clúster TIC. “Naquela cita”, engade a firma da
Coruña, “as funcionalidades avanzadas de Tiivii e as súas
posibilidades para optimizar o traballo dos equipos técnicos e de
reducir de maneira substancial os custos de produción chamaron
positivamente a atención da cadea xaponesa”.
A
integración da solución galega no seo da TV Setouchi suporía “unha
alternativa de baixo custo aos sistemas tradicionais de gravación,
produción e distribución de eventos deportivos, pero con múltiples
funcionalidades avanzadas e profesionais, como a realización remota
na nube, a opción multicámara ou a realidade virtual, así como a
posibilidade de introducir grafismos e estatísticas, a narración
dun comentarista en directo, zooms na imaxe ou crear repeticións das
mellores xogadas”, engade Cinfo.