A transferencia tecnolóxica será un dos puntais das xornadas Investir en Ciencia, o 19 e o 20 de febreiro
mércores, 5 de febreiro do 2025
O pasado luns presentáronse os detalles do III Encontro Investir en Ciencia si é Rendible, que reunirá a máis de 80 relatores, representantes de sete universidades españolas e europeas e líderes dos ecosistemas de ciencia e tecnoloxía e investimento do conxunto de España e doutros países europeos. O obxectivo deste evento no que colabora o Clúster TIC Galicia é impulsar conxuntamente o debate sobre a “soberanía tecnolóxica” de Europa e o papel fundamental que debe xogar o emprendemento científico como motor da innovación e da Intelixencia Artificial (IA).
O encontro desenvolverase os días 19 e 20 de febreiro e no seu transcurso analizanse novos proxectos de investimento en novas tecnoloxías relacionadas coa IA e as ciencias da vida, poñendo o foco nas posibilidades (en materia de transferencia) que implica unha meirande alianza entre os centros de investigación cos emprendedores.
Organizado por Unirisco e Bio&Tech Smart Capital de Noso Capital, o evento pretende poñer en valor dous polos de investigación e innovación de Galicia, con visitas para investidores ao ecosistema da Cidade das TIC (A Coruña) e ao Ecosistema Biotech e Saúde de Galicia (Campus Vida, Santiago de Compostela). Arrincará cunha dobre sesión que se desenvolve en paralelo. Por unha banda, un grupo de investidores coñecerá o ecosistema TIC de Galicia, cunha visita á Cidade das TIC da Coruña para descubrir os “novos desenvolvementos da IA para todo o ecosistema de innovación”. Ademais da intervención do presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, participarán o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, Inmaculada Rodríguez, de Unirisco, e Daniel Prieto, de Noso Capital, e Jerónimo Puertas, da Vicerreitoría Investigación e Transferencia da UDC.
Os asistentes asistirán, ademais, ao debate sobre Como vai cambiar a IA as nosas vidas?, no que intervirán Pablo Méndez, director de IA Services de Altia, e Amparo Alonso, catedrática de Ciencias da Computación e membro do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC).
Por outra banda, as persoas participantes terán oportunidade de profundar no proxecto Galicia, pioneira no impulso da IA, unha iniciativa que engloba as medidas da Xunta nesta materia, coa intervención de Covadonga Toca, directora xeral do IGAPE; Julián Cerviño, director da AMTEGA; e Luis Orosa, director xerente do CESGA.
Tras esta intervención, Juan Carlos Bugallo, socio fundador de Startups.st, presentará Node Hub, a incubadora de DeepTech impulsada polo Clúster TIC Galicia, en colaboración con Incibe Emprende. Así mesmo, celebrarase a segunda reunión de Tech Angels Capital, iniciativa do Clúster TIC Galicia, na que participarán diversas empresas socias, José Zudaire, director xeral de SpainCap, e outros axentes do ecosistema tecnolóxico, co obxectivo de impulsar spin-off tecnolóxicas. Durante a xornada Carmen Pumariño, membro de Startup Galicia, presentará diversos proxectos TIC.
A outra sesión trasladará aos investidores ao ecosistema Biotech e Saúde de Galicia, situado no Campus Vida da Universidade de Santiago para coñecer os “novos desenvolvementos da biotecnoloxía para o ecosistema de innovación”, que contará coa participación do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o reitor da USC, Antonio López; Rocío Mosquera, presidenta do Clúster da Saúde; e Mabel Louza, directora do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas. Ademais, realizarán visitas ao Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), onde asistirán á presentación de startups especializadas en biotech e saúde, e á Fundación Pública Galega Medicina Xenómica que desenvolve o Proxecto Xenoma Galicia.
Pola tarde, o encontro reunirá a todos os participantes no Biopolo A Sionlla (Santiago de Compostela) para debater sobre a cultura da transferencia científica á sociedade. Así, na primeira mesa, moderada pola directora xeral da axencia autonómica GAIN, Carmen Cotelo, intervirán Santiago Ini, representante de Technion (Israel Institute Technology); Andrea Martos, socia fundadora de Cambridge Biocapital; Ángela Pérez, presidenta de BioHub-Bioval (Valencia); Bruno Reynolds, consultor de Oxentia (Londres) e Eugenio Briales, representante dos Españois Científicos en Estados Unidos (ECUSA).
A continuación, abordarase a “transferencia en España”, nun debate que contará coa intervención de Fidel Rodríguez Batalla, director xeral da Fundación Universidade Autónoma de Madrid; Arístides Senra, director de innovación Entrepreurship da Universidade Politécnica de Madrid; Maite Ibern, responsable de Emprendemento e Spin-Offs da Universidade Autónoma de Barcelona; Fernando Jiménez, xerente do Centro Tecnolóxico TIC Gradiant; e Andrés Archila, responsábel de proxectos en Nexos Incubator, da Universidade de Helsinqui.
A primeira xornada concluirá cun obradoiro de Aproximacións á transferencia, realizado por GAIN e dirixido aos representantes das universidades e aos investidores; e algunhas iniciativas que constitúen unha revelación, como é o caso de KM ZERO Food Innovation Hub, presentado pola súa directora Beatriz Jacoste; e o de Foodtech: “a gran revolución da industria alimentaria”, coa intervención de Beatriz Romanos. Tamén se presentarán proxectos como Taste Lab, Inverbis Analytics ou Advance Cutaneus Evaluator (ACE).
Segunda xornada
A segunda xornada do evento celebrarase no Auditorio Abanca (Santiago de Compostela) e profundará na soberanía tecnolóxica, a necesidade de impulsar o emprendemento científico e novos sectores tecnolóxicos que xeran riqueza social. Ademais, entregaranse os premios Investir en Ciencia, que alcanzan a segunda edición.
A primeira mesa reflexionará sobre se Europa inviste en soberanía tecnolóxica, un debate moderado por Jorge Mira, catedrático de Electromagnetismo da USC, e no que participarán Johan Stierna, membro da Unidade de Coñecemento para as Finanzas, a Innovación e o Crecemento do Research Centre of the European Commission; Roberto Ranera, socio fundador de BeAble Capital; José Romano, Investiment Advisor do European Investment Bank; Santiago Ini, membro de Technion (Israel Institute Technology); e Diego Moñuz, socio fundador de Silo.
A continuación, analizarase o papel da Educación como base do emprendemento científico, coa intervención de Paloma Cabelo, mentora e consultora experta en Tech Transfer; Lourdes Armesto López, da División de Coordinación, Avaliación e Seguimento Científico e Técnico, da Axencia Estatal de Investigación; Judith Fernández, directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería Educación, Ciencia, Universidades e FP.
Premios Investir en Ciencia si é Rendible
A III edición deste evento concluirá coa entrega dos 2º Premios Investir en Ciencia si é Rendible que distinguirán o esforzo de organizacións e empresas nas categorías de innovación, ecosistema e startup. Estes premios son unha homenaxe en memoria do legado profesional e persoal de Isaac Chocron, impulsor do ecosistema de emprendemento e innovación español, cuxo lema era Traballemos xuntos no impulso do ecosistema de innovación.
Podemos consultar o programa completo na web Invertirenciencia.