O escritorio libre GNOME (GNU Network Object Model Environment) vén de estrear nova versión, a 3.24, e como de costume e grazas ao importante traballo do Grupo de Tradución de GNOME coordinado por Fran Diéguez, temos versión dela en galego (ao cen por cen na interface). Segundo conta o Grupo, GNOME 3.24 é a última versión de GNOME 3, resultado de 6 meses de duro traballo da comunidade. O novo lanzamento inclúe unha manchea de novidades salientables, amais doutra serie importante de axustes e optimizacións. Estamos a falar da cifra nada desprezable de 28.459 cambios realizados por 753 contribuidores.
Entre as novidades a destacar, a versión 3.24 abrangue a incorporación de luz nocturna, unha funcionalidade que fai que a pantalla mude de cor dependendo da hora do día, cousa que será moi de agradecer (por exemplo) para as persoas que traballen con pouca luz, pola noite, xa que o escritorio será quen de afacerse a esta circunstancia volvéndose máis cálido, contribuíndo a evitar a fatiga ocular.
Ademais, refinouse a interface en si mesma, mellorouse a funcionalidade de tres áreas do aplicativo Preferencias (Contas en liña, Impresoras e Usuarios), optimizouse a configuración de impresoras (que amosa unha presentación e unha marxe de manobras máis traballadas, amosando por exemplo a localización e o nivel de tinta en cada unha das súas impresoras sen necesidade de investigar) e fortaleceuse o navegador web (por exemplo cunha nova barra de enderezos que resolve un importante número de fallos de usabilidade do anterior deseño e un novo panel emerxente que amosa a listaxe das lapelas abertas, facilitando a navegación entre un gran número de páxinas). Asemade, houbo optimizacións nas tabletas gráficas Wacom (avanzando ao máximo na optimización entre estas e o propio escritorio GNOME).
A versión 3.24 do escritorio libre GNOME, tamén en galego
Compartir Este Artigo

