A viguesa Alén Space xestionou o lanzamento do satélite LUME-1 dende Rusia

venres, 28 de decembro do 2018 Fernando Sarasketa

A Universidade de Vigo marcou onte un fito histórico na súa aventura especial e, tamén, na súa investigación arredor das tecnoloxías que poden axudar a coidar do medio ambiente. Estamos a falar do lanzamento do nanosatélite LUME-1, que é en boa medida a peza fundamental dun proxecto coordinado pola Agrupación Aeroespacial e o grupo CIMA da Universidade de Vigo para localizar eficazmente os lumes forestais dende que aparezan. Amais destes grupos, tralo proxecto europeo FireRS, do que forma parte LUME-1, atópase a firma galega Alén Space, spin-off da UVigo, que foi a encargada de desenvolver e integrar as cargas útiles, así como de xestionar o lanzamento dende Rusia e a súa posterior operación.
Como lembraremos, o LUME-1 servirá como ferramenta de detección temperá de incendios forestais e de soporte aos labores de extinción. Diego Nodar, co-fundador de Alén Space, quixo salientar o éxito que supuxo o lanzamento: “Os riscos de lanzar un satélite son moi altos e non todo o mundo consegue que funcione, con independencia do preparado que estea e dos recursos que teña”. Nodar, que tralo éxito acadado coa posta do satélite en órbita felicitou a todo o equipo “polo seu duro traballo durante estes meses”, engadiu que “o máis importante comeza agora”, ou sexa, “meses de sacar proveito desta tecnoloxía que temos agora mesmo no espazo”.
A nave escollida para pór en órbita o Lume-1 foi a Soyuz-2.1a, pertencente á Axencia Espacial Rusa (Roscosmos), na que tamén viaxaban dous satélites rusos Kanopus-V para previr desastres naturais, 12 satélites Dove de Estados Unidos, a nave espacial ZACube-2 de Sudáfrica, tres satélites alemáns, así como 8 naves espaciais Lemur de Estados Unidos.
Trala súa posta en órbita, na mañá deste 27 de decembro, o equipo formado por membros de Alén Space, a CINAE (Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia) e a Universidade de Vigo reuníronse para recibir o primeiro contacto co nanosatélite ao seu paso por Vigo, cuxa sinal recibiron correctamente.
O proxecto baséase no uso de sensores colocados en emprazamentos elevados con capacidade para detectar nun radio de 2 quilómetros de altura o comezo dun potencial lume, lanzando unha alarma que será recollida polo LUME-1 e enviada ao centro de control de Toulouse, onde se avaliará a evolución previsísbel e lanzaranse de forma automática drons cos que o nanosátelite tamén poderá establecer comunicacións.
Fernando Augado, xefe de proxectos aeroespaciais de CINAE e director da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo sinalou a importancia deste satélite: “Imos pór a disposición das autoridades un sistema de comunicación punteiro na loita contra os lumes, unha ferramenta que será utilizada no sur de Europa, pero que podería actuar a nivel global. Augado declarou “que o lanzamento do LUME-1 é só o primeiro paso deste proxecto e que no futuro esperan incorporar novos satélites”.

PUBLICIDADE