A web redepatrimonio.gal, eixe das celebracións galegas do Día do Patrimonio Mundial

mércores, 8 de novembro do 2017 Fernando Sarasketa

O vindeiro 16 de novembro celébrase o Día do Patrimonio Mundial, unha data para pór de relevo o moito que temos que avanzar en determinadas contornas (coma a nosa) para conservar e reivindicar a riqueza arquitectónica, artística, etnográfica, cultural ou lingüística creada e transmitida polos que viñeron antes ca nós. Dito doutra maneira: en Galicia temos moito que preservar e reivindicar, pero tamén moito que roer e moito que avanzar. Só así se explica que cada pouco tempo se esborralle sen remedio unha casa nun casco histórico ou que a maquinaria arrase cun castro ou cunha mámoa. Estas e outras cousas son as cuestións que quere pór de relevo a Rede do Patrimonio Cultural con motivo da celebración do 16. Haberá unha manchea de actividades (case 40) en defensa dos nosos bens, moitas delas nas nosas vilas e cidades e outras tantas na contorna dixital. Teremos que estar atentos do que se faga ao abeiro de #DiadoPatrimonio e na web redepatrimonio.gal.
O programa inclúe, entre outras cousas, roteiros, visitas guiadas, conferencias, concertos, xantares e actividades varias, a desenvolver ao longo das vindeiras fins de semana (esta que se achega e máis a que vén) co obxectivo de concienciar aos galegos da importancia da conservación e promoción da súa riqueza histórica. Convocadas pola Rede do Patrimonio Cultural (RPC), un total de 25 entidades realizarán case 40 actividades para celebrar a festividade internacional do 16.
Segundo informa a Rede, será a primeira vez que a entidade contribúa á visualización do patrimonio cultural galego e das entidades que o promoven, protexen e poñen en valor.
Para darlle unidade á campaña e achegarlle cumprido eco no plano dixital, a RPC propuxo empregar o cancelo #DiadoPatrimonio para as as comunicacións nas redes sociais relativas aos distintos eventos convocados.
Actividades
Así, entre as devanditas accións, a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte nas Ondas realizará un programa de radio sobre o pergameo Vindel. O Sorriso de Daniel fará o domingo 19 unha xeira románica por Guntín e unha visita guiada ao museo diocesano de Lugo. Amigos do Patrimonio de Castroverde realizarán o sábado día 11 un percorrido por parte do roteiro do val do río Tórdea e Xérmolos, unha andaina ata a Pena Xiboi de Parga.
Pola súa banda, Petón do Lobo, Asociación Galega Cova Crea e Asociación Ouriol do Anllóns organizan un roteiro tras ao antigo cemiterio civil de Corcoesto o 18 de novembro e a Asociación de Amigos do Pasatempo unha visita guiada ao Parque do Pasatempo o 19 de novembro. Tamén a Gentalha do Pichel convoca ás III Conversas sobre a xestion cultural e a presentación do tríptico sobre o Megalitismo en Compostela, así como a un roteiro polos castros e mámoas de Santiago.
A Asociación Cultural Apelón Educación organiza unha andaina Cultural con visita ao xacemento romano de Noville o 18 de Novembro e a Asociación Amigos dos Castros de Cuntis unha saída fotográfica. Tamén Patrimonio dos Ancares realizará un roteiro e a Asociación Monte Pituco, o sábado 25, unha visita aos conxuntos rupestres da Carrasca e Champás. Pola súa banda, a Asociación Festa da Prehistoria organiza unha visita á Laxe das Cruces e a Asociación Batistales, un concerto nas campás da Igrexa de Mondoñedo.
Segundo recalca a Rede, toda a información, horarios, lugares e días de actividades pódese consultar na web redepatrimonio.gal onde tamén hai un mapa interactivo e os carteis con toda e cada unha das accións da RPC.


PUBLICIDADE